Publicador de contidos
Publicador de contidos

Crían en Sarria un boi de raza rubia galega de máis de dúas toneladas

Crían en Sarria un boi de raza rubia galega de máis de dúas toneladas

Están a tramitar a inscrición deste xigante no libro Guinnes dos Récords

Félix Aragunde 06/07/2023 14:12

Marelo ten oito anos e estímase que podería chegar a pesar ata dúas toneladas e media. Este boi, criado na parroquia sarriá de Lier bate, por tanto, todas as marcas.

Está considerado o exemplar de raza rubia galega máis grande que houbo nunca, a maior res en todo o ámbito estatal e mesmo se encontran en trámites para rexistralo como o maior espécime de gando bovino de todo o mundo.

Ángel Rodríguez, tratante: "Agora mesmo o obxectivo é inscribilo no libro Guinnes dos Récords antes de sacrificalo. É un feito que, se se constata, vaille dar máis valor".

Manuel Valiña, criador do boi: "Foi criado a base de comer fóra con herba verde e millo, todo natural, porque un boi deste tipo ten que ter unha carne e calidade. Se comese pensos concentrados, podería ser aínda máis grande".

Ademais da alimentación, tamén conta a liñaxe do animal. Sinalan que un bo indicador da pureza xenética de Marelo é a súa pelaxe, salpicada dunha especie de pisadas de paxaro.

Manuel Valiña, criador do boi: "Cando naceu xa vin que ía ser un animal moi grande, porque traía unha estrutura distinta. E aos seis meses xa se viu que ía ser un fenómeno e capouse. Ten unha cor 'apesetada', que era a que tiña antes a rubia galega pura".

Marelo xa ten comprador e destino. Acabará nunha cadea de restaurantes de Hong Kong, da man do chef pontevedrés Francisco Pazos. Tocante ao seu prezo, podería acadar os 30.000 euros.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade