Cristina Dexeus: "A lei de amnistía suplanta e distorsiona a separación de poderes e a independencia xudicial"
Cristina Dexeus: "A lei de amnistía suplanta e distorsiona a separación de poderes e a independencia xudicial"
Cristina Dexeus: "A lei de amnistía suplanta e distorsiona a separación de poderes e a independencia xudicial"
A presidenta da Asociación de Fiscais cre que hai posibilidades de que Europa a rexeite e cualifica de filigrana xurídica os últimos cambios na lei
A presidenta da Asociación de Fiscais, Cristina Dexeus, asegura que hai "moitas posibilidades de que Europa rexeite a lei de amnistía" pactada entre PSOE , Junts e ERC e que este xoves será aprobada polo pleno do Congreso, se non hai ningún imprevisto.
Nunha entrevista no Galicia por diante, da Radio Galega, Dexeus pon o foco nos últimos cambios na lei e a nova redacción sobre os delitos de terrorismo, malversación e alta traizón. Apunta que "son filigranas xurídicas para conseguir encaixe dentro da normativa europea. Estas filigranas fan unha degradación, gradación dos delitos de terrorismo, uns de baixa intensidade e outros de maior intensidade".
"Se a iso lle sumamos que é unha lei de amnistía feita para unhas determinadas persoas, o que vai contra o principio de igualdade dos españois, e contra o principio de seguridade xurídica, pode haber posibilidades de que Europa a rexeite", afirma a fiscal.
Dexeus comparte que o poder lexislativo ten capacidade para aprobar leis, pero advirte de que "teñen que pasar os filtros polos procedementos ordinarios, legalmente establecidos, de validez, de constitucionalidade e de encaixe nos principios e valores da Unión Europea. Esa é a realidade. Quen lexisla non ten poder absoluto pra facer o que queira".
A Asociación de Fiscais é unha das organizacións que subscribiron nas últimas horas un manifesto en defensa do Estado de dereito e no que se cuestiona a lei de amnistía. Un documento que asinaron asociacións de fiscais, de maxistrados así como persoal da función pública.
Dexeus insiste en que a lei de amnistía "suplanta e distorsiona a separación de poderes e a independencia xudicial". Sostén que non ten encaixe na Constitución e que supón o esquecemento absoluto dos delitos cometidos ademais de interferir no funcionamento da administración de xustiza porque "impide os maxistrados sancionar, investigar e condenar, no seu caso, aqueles que cometeron delitos".