Cultivo de cítricos ecolóxicos, unha aposta de éxito no Baixo Miño
Cultivo de cítricos ecolóxicos, unha aposta de éxito no Baixo Miño
Un emprendedor de Tomiño cultiva limas, limóns e cítricos singulares onde antes había eucaliptos
Produce tamén mel de azar, demandado pola súa suavidade
Moitos galegos teñen algún cítrico na horta, pero poucos tiveron a idea de cultivalos profesionalmente. Óscar comezou probando sorte con 250 limoeiros, e agora ten máis de 1.400.
"Vimos a oportunidade, como ninguén o facía apostamos por este cultivo e, polo momento, nos vai ben. Galicia é unha terra tan rica que o que botas na terra sae, o que facemos e aproveitar os recursos que temos na porta", explica Óscar, de Cítricos Rías Baixas.
Onde antes había eucaliptos, hoxe recóllense limas e limóns e outros cítricos. Axudados polo microclima de Tomiño, medran sans e sen axuda de herbicidas ou pesticidas.
"Fertilizamos con esterco de cabalo, ovella e vaca das casas dos veciños e só fixemos no terreo unha correción de PH botando cunchas de mexillón", engade Óscar.
Ademais, experimentan con variedades de alto valor engadido, como o caviar cítrico, a cen euros o quilo. Exquisiteces coas que cocteleiros e cociñeiros buscan marcar a diferenza.
"Temos lima kaffir, moi aromática que se usa para aceites esenciais, temos kumcuats, limacuats, limón rosa e caviar cítrico. Na seguinte ampliación probaremos tamén a poñer bergamota", di o empresario.
Para favorecer a polinización puxeron colmeas nas fincas e agora tamén producen un mel singular. É mais suave e claro do habitual, porque as abellas chuchan, fundamentalmente, das flores de azar.
Un potencial, o dos cítricos, que este emprendedor está a espremer con éxito nas fértiles terras do Baixo Miño.