O Eixo Atlántico cre que España chega ao cumio de Viana cos deberes sen facer
O Eixo Atlántico cre que España chega ao cumio de Viana cos deberes sen facer
O AVE Vigo-Porto será un dos asuntos centrais do encontro hispano-luso que se celebra o venres
Avoga por facer unha fronte común incorporando as entidades de cooperación transfronteiriza
O desbloqueo para a construción das infraestruturas ferroviarias transfronteirizas será un dos temas que se tratarán neste cumio do que non se agardan moitos avances. Así o asegura Xoán Vázquez Mao, o secretario xeral do Eixo Atlántico.
"Eu non espero nada máis que propaganda do acto porque os cumios, como xa che dixen, son postas en escena mediáticas e hai que chegar alí con todo o traballo feito".
Aseguran que non se licitou o estudo informativo previo nin tampouco se está avanzando en temas relevantes, como é o tratado da cooperación bilateral. Neste senso, Xoán Vázquez Mao, pediu unha fronte común a nivel autonómico para incorporar na comisión luso-española as entidades que traballan na cooperación.
"Sería que a xente da fronteira, puideramos integrarnos na comisión luso-española que está dirixida e coordinada polos ministros de Exteriores que son os que preparan as axendas e os contidos da cimeira ibérica. Iso si que sería importante para conseguir resultados para os cidadáns".
Para o secretario xeral do Eixo Atlántico, non mellorar as comunicacións entre Galicia e Portugal é un atraso económico nun momento clave por mor da tripla crise que estamos vivindo.
Fronte ás promesas, agardan compromisos serios e prazos, sen ter que agardar ao ano 2040 para que o AVE chegue a Vigo.