Deixan en terra os pasaxeiros dun voo Vigo-Madrid para transportar os xogadores do Sevilla
Deixan en terra os pasaxeiros dun voo Vigo-Madrid para transportar os xogadores do Sevilla
Decenas de pasaxeiros tiveron que agardar á mañá seguinte para poder dirixirse a Madrid
Air Nostrum pide desculpas e indemnizará a todas as persoas afectadas
Era a última conexión da compañía dende este Aeroporto de Peinador, pero o avión con destino a Madrid partiu cara a Sevilla cos xogadores e o equipo técnico hispalense. Esa foi a decisión que tomou Air Nostrum cando arredor de 80 pasaxeiros, cos seus billetes en man, estaban a piques de embarcar.
Un fallo técnico na aeronave do equipo sevillano da mesma aeroliña motivou esta decisión. O enfado dos viaxeiros foi máximo. Onte á medianoite seguían nos mostradores realizando as súas reclamacións.
A solución que lles deu a compañía aos pasaxeiros foi que volvesen ao Aeroporto de Peinador ás 8:00 da mañá do domingo para ser conducidos a Madrid en autobús. Iso, ou agardar un novo voo o luns.
A raíz deste suceso, Air Nostrum emitiu este domingo un comunicado en que "lamenta profundamente o prexuízo ocasionado" aos pasaxeiros. Afirma que se trata dun "lamentable erro atribuíble unicamente á compañía", polo cal quere transmitir "as súas máis sinceras desculpas" aos afectados.
"A próxima semana contactarase con cada un dos pasaxeiros para compensalos polas molestias causadas", conclúe o comunicado da aeroliña, que compartiu en redes sociais na conta do Sevilla.