Publicador de contidos
Publicador de contidos

Denuncian un home que acosou sete mulleres e nenas no barrio santiagués de San Pedro

Denuncian un home que acosou sete mulleres e nenas no barrio santiagués de San Pedro

Podería ser o mesmo suxeito detido por coaccionar e tentar reter varias mozas en Arzúa

As familias das vítimas organizáronse nun grupo de WhatsApp e animan a denunciar todos os casos

G24.gal 17/06/2024 14:53

A Garda Civil investiga se detrás dos casos de acoso denunciados no barrio de San Pedro, en Santiago, podería estar o mesmo home detido por coaccionar a tentar reter varias mozas en Arzúa.

"Eu son amiga dunha das acosadas por este home, ela vive en Santiago, pero os feitos foron en Arzúa. Ela collía flores, e el parou diante do seu coche, dixo que calara e que mirara para o chan. Despois tentou metela dentro dun coche branco, pero a miña amiga logrou evadilo e fuxir", comenta unha muller que traballa nun establecemento da zona.

A súa amiga logrou escapar, pero, ao denunciar o caso, soubo que en Santiago se rexistraran episodios similares. Tiveron lugar no barrio de San Pedro, onde vive a nai do sospeitoso, e as vítimas son mulleres e menores perseguidas na rúa.

"Unhas mozas contaron que as perseguira ata casa, que estivo unha hora no portal. Viñeron ao bar, chamamos a policía e identificárono. Non sei se é o home de Arzúa, pero escoitei varios casos de que perseguía mozas polas Fraguas", explica o camareiro dun bar da contorna.

"Escoitara falar, había runrún no barrio, tamén polo grupo de WhatsApp da escola, que comentaron a situación. Había preocupación porque ao parecer acosaba nenas", di un veciño na rúa.

As autoridades e as familias das vítimas, organizadas nun grupo de WhatsApp, fan un chamamento a que se denuncien todos os casos, especialmente se as acosadas son menores e teñen medo de contalo.

"Que se animen, que non teñan medo e llelo comenten a un adulto. Isto hai que denuncialo para que a Garda Civil poda facer algo, e isto non se repita máis", pide a amiga dunha das vítimas.

Esta mesma mañá a Policía Xudicial da Garda Civil de Santiago confirmaba unha sétima denuncia de acoso na zona de San Pedro. A investigación permitirá esclarecer se se trata do acosador de Arzúa, agora en prisión provisional no marco da operación Stalkron.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade