Derrúbase parte do muro orixinal do cemiterio de Pontevedra debido á chuvia
Derrúbase parte do muro orixinal do cemiterio de Pontevedra debido á chuvia
A derruba das pedras ocasionou danos nalgúns panteóns
A chuvia que caeu sobre Pontevedra o sábado e o domingo deixou a súa pegada no interior do cemiterio municipal de San Amaro.Parte do muro antigo, o orixinal antes da primeira ampliación do camposanto derrubouse.
"Coa cantidade de auga que caeu... isto é inevitable. Son cousas que pasan cando hai chuvia torrencial en moi pouco tempo. Hai que ter en conta que o domingo caeu moita auga moito tempo seguido e moi forte, e iso, imaxino, provocaría o derrubamento", asegura o administrador do cemiterio, José González.
O administrador do cemiterio informou de que o Concello de Pontevedra vai aplicar un procedemento de urxencia para recompoñer o muro. "E tamén", precisa, "hai que ter en conta que se danaron elementos dos panteóns sobre os que caeron pedras, polo que se iniciará o procedemento de responsabilidade patrimonial para reparalos".
Entre os danos está a rotura da tapa de acceso a un panteón soterrado.
Os técnicos municipais revisaron o muro tras o incidente e non observaron risco de máis derrubamento en condicións atmosféricas normais.