Desarticulada unha banda dedicada ao roubo de vivendas unifamiliares na Coruña
Desarticulada unha banda dedicada ao roubo de vivendas unifamiliares na Coruña
Tres homes de orixe albanesa foron detidos pola súa implicación na comisión de 27 saqueos con forza
A Garda Civil desarticulou un grupo criminal especializado en roubos en vivendas unifamiliares, na que foron detidos tres homes de nacionalidade albanesa de 25, 32 e 50 anos pola súa implicación na comisión de 27 saqueos con forza en urbanizacións de varias localidades da Coruña.
Os detidos, que residían en Narón, desprazábanse a urbanizacións situadas na Coruña, Oleiros, Culleredo, Sada, Miño e Bertamiráns aproveitando a ausencia dos propietarios dos inmobles, que se atopaban preto de montes, pradeiras e áreas sen vixilancia, para cometer os delitos.
Segundo detallou a Garda Civil, para acceder ao interior das vivendas, o grupo elixía aquelas que tiñan entrada traseira pouco visible e escalaban ata o primeiro piso, onde forzaban os mecanismos de apertura das xanelas ou balcóns.
A investigación permitiu detectar a intención dos detidos de abandonar Galicia, polo que as autoridades interceptaron o grupo nun control en Pedrafita do Cebreiro (Lugo) e fóronlle intervidos diversos obxectos roubados, como reloxos de alta gama e pulseiras e xoiería de ouro.
O Xulgado de Instrución número 1 de Becerreá (Lugo) decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, dos tres individuos.