Descarbonización: é o momento de pechar a central das Pontes?, por Maite Cancelo
OPINIÓN
Descarbonización: é o momento de pechar a central das Pontes?, por Maite Cancelo
Cunha inflación totalmente descontrolada, os prezos enerxéticos subindo e o seu incremento trasladándose cara a outros sectores e tamén ás familias, o Goberno de España decide pechar a metade da capacidade produtora das Pontes co obxectivo de manter a súa axenda de descarbonización da nosa economía con prazos por diante, mesmo, dos que marca Europa.
As enerxías renovables, aínda non son capaces de xerar toda a electricidade que necesitamos para producir e para vivir, sobre todo cando hai problemas cos elementos naturais (auga, vento), que fan que teñamos que tirar doutras formas de produción, como son a de ciclo combinado (que utiliza gas) e a propia enerxía térmica (que utiliza carbón). A nuclear, deixámola á marxe, xa que a pesar de que foi unha das fontes principais de xeración eléctrica en España (ao redor da quinta parte da produción total) ten os seus días contados no Estado e non está na axenda política reverter esta situación.
O problema de depender dunha única fonte de enerxía, como é o gas e que, ademais, importamos, é que calquera acontecemento externo nos deixa sen marxe de manobra. E isto é o que está a pasar como consecuencia da invasión rusa en Ucraína, temos menos gas e a un prezo maior.
En Europa, xa hai países que están a revisar as súas axendas de descarbonización: Alemaña optou por non pechar as súas centrais térmicas e Francia opta por retomar a súa axenda nuclear.
En España, sen plans alternativos, óptase por pechar tanto térmicas como nucleares e, mesmo, entramos en “guerras políticas” cun dos países que nos fornece de gas, Alxeria.
Pero a grande incoherencia destas decisións é que estamos a importar electricidade de Marrocos, electricidade xerada polo propio carbón que deostamos no país e que se produce con tecnoloxías máis obsoletas e contaminantes, cando o problema das emisións é global e non local.
Desta forma, en plena crise enerxética na que se está, mesmo racionando a enerxía que consumimos, o goberno de España segue improvisando na súa política enerxética, como estamos a ver coa aprobación do peche da metade da capacidade produtiva das Pontes (ao contrario do que fai Alemaña) e con efectos colaterais sobre outros sectores galegos, como é a propia actividade do Porto de Ferrol e dos propios transportistas.
Así, en España, pechamos centrais de carbón mentres que Alemaña as abre. España pecha centrais nucleares mentres Francia as potencia. E non temos alternativas para resolver a nosa subministración eléctrica e, mesmo, reducir os seus prezos.