A ampliación do Bono Activa Comercio da Xunta xa se pode descargar este luns
A ampliación do Bono Activa Comercio da Xunta xa se pode descargar este luns
A Xunta amplía con outros 2,5 millóns de euros a sexta edición do Bono Activa Comercio. En total, o Goberno Galego destina 7,5 millóns.
A prórroga débese a alta demanda da actual convocatoria, que se esgotou en case dous días, a principios de novembro
Adheríronse case 7.000 comercios e descargáronse máis de 255.000 bonos
A Xunta activa mañá luns a ampliación da sexta edición dos Bonos Activa Comercio. Achega outros 2,5 millóns de euros á partida inicial para incentivar as compras no comercio de proximidade. Desde este luns xa poderá descargarse ou utilizarse nos locais adheridos.
Esta ampliación do investimento débese á alta demanda da actual convocatoria, a segunda do ano, que se esgotou case dous días a principios de novembro. Ao Bono Activa comercio adheríronse preto de 7.000 e xa se descargaron comercios máis de 255.000 bonos. A utilización dos bonos mobilizou en total máis de 11 millóns de euros en vendas. En concreto, a Xunta destinou a esta acción un total de 7,5 millóns de euros en 2024.
Ao tratarse dunha ampliación de crédito da última campaña dos Bonos Activa Comercio, os establecementos que xa se sumaron á iniciativa seguen estando adheridos, e os que aínda non se deron de alta poden sumarse, xa desde o pasado venres, 6 de decembro, segundo explica a Xunta de Galicia.
As persoas que xa descargaron os bonos de desconto hai un mes e aínda non os gastaron, en parte ou na súa totalidade, teñen desde mañá unha nova oportunidade de empregalos. E os que non os descargaron poden facelo a partir do luns 9 de decembro, na web www.bonosactivacomercio.gal.
Tamén os usuarios que descargaron o bono desta sexta edición e eliminárono sen chegar a gastalo poderán volver descargalo a partir de mañá para usalo.
Os bonos, cun importe de 30 euros, teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra.
Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Tal e como establecen as normas da convocatoria, cada persoa pode descargar un único bono, polo que se un usuario xa fixo uso do seu bono en novembro, non pode volver descargar outro agora.