Prohibido acceder a ningún tren cun patinete
Prohibido acceder a ningún tren cun patinete
A medida afecta calquera vehículo de mobilidade persoal dotado de batería, agás os das persoas con mobilidade reducida
Renfe tomou esta decisión despois de rexistrar varios incidentes en distintos trens
Renfe prohibe a partir deste martes 12 de decembro o acceso de patinetes eléctricos en todos os trens de viaxeiros, tanto de proximidade e rexionais como de alta velocidade e longa distancia (AVE, Avlo, Alvia, Avant, Euromed e Intercity).
Nas estacións carteis informativos advirten os usuarios da prohibición de acceder aos trens con patinetes eléctricos no primeiro día da aplicación da medida.
Esta prohibición vén fundamentada pola situación de perigo xerada despois dos incendios de baterías que se rexistraron nalgúns transportes públicos (por manipulación da batería, danos por golpes, paso do tempo ou utilización de cargadores diferentes).
Esta medida non só afecta os patinetes eléctricos, senón tamén os monociclos ou calquera outro dispositivo de mobilidade persoal eléctrico ou dotado de baterías, con excepción dos vehículos de persoas con mobilidade reducida e as bicicletas eléctricas. No caso de incumprir a norma Renfe pode obrigar o usuario a abandonar o tren.
Renfe defende que esta medida se adoptou baseándose en criterios de saúde pública e de seguridade dos viaxeiros e é similar a outras producidas en distintas cidades de España e de Europa. Sevilla foi a primeira cidade, en 2021, en impedir que os viaxeiros entrasen ao Metro cos seus patinetes eléctricos na hora punta os días laborais.
O pasado mes de febreiro, Cataluña prohibiu tanto o acceso aos vehículos como ás propias infraestruturas (estacións e plataformas) de transporte público, tras a explosión dun patinete no servizo de Ferrocarrís da Generalitat de Cataluña (FGC) en novembro de 2022.
Así mesmo, desde o pasado 4 de novembro está prohibido o acceso de patinetes eléctricos ás instalacións e vehículos do transporte público da Comunidade de Madrid cuxa xestión sexa competencia do Consorcio Rexional de Transportes (por exemplo o metro ou os autobuses).
Noutros países, algúns operadores ferroviarios do Reino Unido e Irlanda, e tamén o Metro de Londres ou Hamburgo, prohibiron o acceso de patinetes eléctricos aos seus trens.
Desde que entre en vigor a medida, Renfe poderá obrigar un viaxeiro a abandonar o tren se leva un obxecto, equipaxe ou vehículo que represente un risco para a seguridade e o bo funcionamento do transporte ou para a seguridade dos demais viaxeiros.
Nas estacións de proximidade xestionadas por Renfe informarase da prohibición se se detecta un viaxeiro con patinete eléctrico, e igualmente se poderán facer inspeccións aleatorias con interventores e axentes de seguridade.
A medida non afecta as bicicletas eléctricas que poderán seguir viaxando nos trens. A razón é porque as baterías non son tan perigosas como as dos patinetes sometidas a unha alta manipulación polos usuarios.
A bicicleta está permitida, pero para subila ao tren ten que estar desmontada sen pedais e ir dentro dunha funda que, de superar os 180 centímetros, o propietario terá que aboar un extra na compra do billete.