Desvío provisional no enlace entre A-52 e A-55 en Tui
Desvío provisional no enlace entre A-52 e A-55 en Tui
Hoxe habilitouse un ramal no quilómetro 14 dirección Tui
As obras de mellora da ponte sobre o río Louro durarán catro meses
As obras de mellora na ponte sobre o río Louro van condicionar durante polo menos catro meses os usuarios do enlace entre a A-52 e a A-55 á altura de Mos, dirección Tui. O tráfico está dende hoxe desviado por un novo ramal de conexión provisional para garantir a fluidez do tráfico e de momento a circulación está a fluír sen incidencias.
Pero os condutores terán que extremar as precaucións nesta incorporación á A-55. O desvío provisional, por mor das reparacións neste tramo, obriga os coches a incorporarse nunca zona de escasa visibilidade costa abaixo, onde o tráfico é abundante e a gran velocidade.
O Ministerio de Transportes comezou hoxe as obras de mellora do sistema de contención de vehículos, da marxe dereita da calzada, da ponte sobre o río Louro. Un punto negro onde aínda se ven os danos do último camión que tivo un accidente e caeu ao río.
Como comenta unha veciña: "Os camións grandes non daban ben a curva, e por iso o farán mais grande, penso que o problema era ese, porque de feito o bordo estaba todo rozado. Non xiran ben e tiveron que facelo dese xeito".
As obras neste quilómetro 14 da A-55 está previsto que duren catro meses, que poderán ser máis en función das condicións meteorolóxicas.