Deteñen unha parella por explotar sexualmente máis de 120 mulleres en Valencia
Deteñen unha parella por explotar sexualmente máis de 120 mulleres en Valencia
Crearon axencias de modelos e podutoras de cine en Elx e Novelda para facerse pasar por empresarios e captar as vítimas
Agrediron sexualmente algunhas das mulleres ás que obrigaban a traballar mesmo estando enfermas e a levar dispositivos de xeolocalización
Ingresaron en prisión imputados por agresión sexual continuada, prostitución coactiva e falsidade documental
Axentes da Policía Nacional detiveron en Elx unha parella que creou unha trama empresarial con axencias de modelos ou produtoras de cinema para explotar sexualmente unhas 120 mulleres.
Agrediron sexualmente algunhas das mulleres e obrigábanas a levar dispositivos de xeolocalización para estar dispoñibles en todo momento. Aos arrestados impútanselles os delitos de agresión sexual continuada, prostitución coactiva e falsidade documental.
A investigación iniciouse cando unha das vítimas informou os axentes de que a explotaran sexualmente durante máis de cinco anos e que mesmo fora vítima de agresións sexuais, aínda que non denunciara os feitos ata o de agora por temor a represalias.
Os axentes activaron inmediatamente os mecanismos para dar protección á vítima e iniciaron as actuacións para comprobar se puideran existir máis mulleres sufrindo os mesmos feitos.
Os policías constataron que os presuntos autores actuaban con empresas entre as que estaban axencias de modelos ou produtoras de cinema, que utilizaban de gancho para atraer as vítimas.
Os arrestados facíanse pasar por representantes do sector para prometer ás súas vítimas unha carreira profesional de éxito no mundo da moda ou o cinema, e para darlle maior credibilidade ao engano confeccionaban para cada muller un book de fotos. Unha vez captadas eran coaccionadas e ameazadas para exercer a prostitución.
Controladas mediante dispositivos de xeolocalización
Sometían as vítimas para que exercesen a prostitución durante xornadas maratonianas e eran obrigadas a manter relacións sexuais incluso aínda que estivesen enfermas. Ademais obrigábanas a portar dispositivos de xeolocalización para que estivesen dispoñibles en todo momento.
Se se negaban ou se mostraban reticentes a prestar os servizos sexuais, eran ameazadas, castigadas con multas ou mesmo lles eliminaban calquera ingreso económico ao que tiveran dereito.
Forzábanas a manter relacións sexuais cos seus proxenetas cada vez que llelo pedían baixo ameazas de morte se non accedían.
Estas agresións, entre as que se incluían prácticas sadomasoquistas, eran unha “proba” que tiñan que pasar para garantir que deixarían satisfeitos os clientes.
O dispositivo policial logrou a detención destas persoas, e houbo varios rexistros nos locais e negocios que rexentaban en Elx e Novelda, nos que se reuniron probas dabondo para a imputación dos arrestados e a identificación dunhas 120 vítimas.
Os detidos pasaron a disposición xudicial en Elx e decretouse o seu ingreso inmediato en prisión.