Detido un home por matar e desmembrar a súa exparella en Tarragona
Detido un home por matar e desmembrar a súa exparella en Tarragona
O detido confesoulle á policía que guindou partes do cadáver ao lixo
Tiña unha orde de afastamento e antecedentes de maltrato a esta muller
Un home de 47 anos foi detido por un suposto crime machista en Amposta, localidade pertencente a Tarragona. A autoridade xudicial decretou o segredo das actuacións e o caso está sendo investigado pola División de Investigación Criminal da Rexión Policial de Terras do Ebro.
O home é o suposto autor do asasinato da súa exparella; despois do feito, comentoullo a un coñecido, que acudiu á Policía Local. Con esta información, os axentes encontraron partes do cadáver da muller de 34 anos no seu domicilio.
O resto do corpo guindárao nuns colectores do lixo próximos. O home foi detido pouco despois na rúa e confesou o crime. Tiña antecedentes por maltratar a vítima e unha orde de afastamento.
O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña informou nun comunicado de que o xuíz de garda de Amposta completou o levantamento do cadáver pero aínda non foi posible a identificación xudicial "debido ao estado dos restos achados".