Publicador de contidos
Publicador de contidos

O veciño de Láncara detido por tráfico de armas tiña na casa droga e varias figuras de marfil

O veciño de Láncara detido por tráfico de armas tiña na casa droga e varias figuras de marfil

Podería estar implicado nunha rede de tráfico de armamento

A Garda Civil detivo outras once persoas en dezasete rexistros en toda España

G24.gal 24/06/2022 14:50

A detención deste lucense supostamente implicado nunha trama de tráfico de armas produciuse en Melilla, pero o material que lle atribúen apareceu nun rexistro en dous inmobles en Pobra de San Xiao, en Láncara.

Trátase de 24 armas de fogo, 7.500 cartuchos, un proxectil de morteiro e ferramenta para fabricar munición. A Garda Civil é a encargada desta operación, denominada Sayal, que en toda España supuxo a detención dunha ducia de persoas. 

Un deles é o veciño de Láncara, que traballa coma policía en Melilla e ten familia no Concello lugués. No seu pobo ninguén quixo referirse ao asunto, pero por outro lado manteñen que non lles causou sorpresa.

A operación comezou en outubro do ano pasado, a raíz da detención dun home en Madrid que resultou ser un dos principais traficantes de munición do país. Vendíaa a través de Internet, mediante paquetes postais.

Os axentes ampliaron a investigación, que os levou ata os compradores, varias persoas que tamén posuían armas de fogo de forma ilegal. 

No caso do veciño de Láncara detido nesta operación, a Garda Civil tamén se incautou de varias figuras de marfil e case tres quilos de marihuana.

Os doce detidos impútaselles delitos de tráfico de armas, depósito de armas e de municións, depósito de explosivos, tenencia ilícita de armas prohibidas, un delito contra a saúde pública e contrabando. Cóntase que o destino do armamento era o mercado negro e o posible desvío do mesmo a organizacións criminais ou terroristas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade