Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dez creacións preséntanse ao I Concurso de Espantallos da parroquia meañesa de Dena

Dez creacións preséntanse ao I Concurso de Espantallos da parroquia meañesa de Dena

Recrean estampas e figuras cotiás que fan referencia á dualidade agrícola e mariñeira da parroquia

G24.gal 17/02/2023 21:34

Non contaba a asociación de veciños de Dena ter tal éxito de convocatoria no seu primeiro concurso de espantallos de Entroido.

No corazón desta parroquia de Meaño hai moita xente entroideira e a praza nova loce dez espantallos que honran a súa vida cotiá, entre agrícola e mariñeira.

Non están nunha leira nin escorrentan paxaros. Estes dez espantallos poboan o Entroido de Dena ata o domingo de piñata. Todo un éxito do primeiro concurso que convocou a asociación de veciños para animar este Entroido e que xurdiu como nos conta a súa presidenta, MªJosé Gondar.

"O ano pasado houbo unhas bruxiñas aquí postas na praza, nas farolas, e inspiráronnos para facer algo diferente, reivindicando as nosas orixes, agrícola e mariñeira".

A tesoureira, Mª Victoria Sineiro, di que todos están feitos co que a xente tiña polas casas.  E así o corrobora unha das familias participantes: pai, nai e filla.

Dez creacións son abondo para unha convocatoria case de última hora. Rafael García, vicepresidente da asociación di que se pensou en mes e pico e quedou moita xente con ganas de participar.

Teimar teimaron. Para algúns a inspiración foi simple, asomándose aos seus recordos. Outros inspiráronse na vida cotiá e na actualidade.

Non faltou unha meiga nin como o invitado de honra, o demo que nos trouxo de cabeza: o coronavirus.

O que máis gusta é a participación cidadá, tanto nas creacións como no apoio que prestan as visitas ao lugar da exposición.

Por iso agardan que para o ano sexan moitos máis participantes.

As creadoras máis novas teñen 14 anos e o máis vello 70. Entre todos lograron que por unha vez os espantallos engaiolen a veciñanza en vez de escorrentala.

O domingo 26 vótase o mellor e o xurado vaino ter difícil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar