Dezaseis homes e mulleres recollen en Santiago o libro das súas vidas
Dezaseis homes e mulleres recollen en Santiago o libro das súas vidas
É un proxecto de Afundación para poñer en valor a experiencia dos maiores
Argentina Canido é unha das participantes no programa Historias vividas. Di que para ela escribir o relato da súa vida foi un revulsivo interior.
"Empezábanseme a revolver emocións e sentimentos e ás veces tiña que parar ata que se me asentaban".
Historias vividas é unha iniciativa de Afundación, que guía os participantes na creación dos libros e axúdaos a engadir fotos, documentos e músicas ao relato. A intención última do programa é poñer en valor a experiencia vital e profesional dos maiores.
"Moitos participantes cando empezan pensan que non tiveron unha vida con feitos relevantes que mereza ser contada e cando remate din: caramba!", explica Sabela Couceiro, coordinadora da área de maiores de Afundación.
Javier Cámara recomendoulles a experiencia a varios amigos. Para el foi un exercicio de memoria que o deixou sorprendido.
"Segundo ía escribindo parecíame que eu non puiden vivir aquelo pero é a realidade, é o que me pasou".
"É curativo e ademais é unha maneira de achegar. Poden lelo ou non lelo pero é a achega que ti deixas aí", engade tamén Argentina.
Tras un ano de traballo, os participantes recolleron este sábado cadanseu libro, nun acto de homenaxe na sede de Afundación en Santiago.
"Xa podía eu ter algo escrito de meus pais. Para min sería... aínda que fose moi pouquiño", afirma Argentina.