Publicador de contidos
Publicador de contidos

Día da Síndrome de Down: "Non somos un estereotipo, somos moito máis"

Día da Síndrome de Down: "Non somos un estereotipo, somos moito máis"

O quiosco Down Experience, da Coruña, amósase como un exemplo de inclusión que racha coas etiquetas

 

 

G24.gal 21/03/2023 14:33

Detrás duns bocadillos de luras agóchanse historias de inclusión, as que normalizan sen prexulgar o traballo de persoas como Adrián. El é un dos dez empregados con síndrome de Down deste emblemático quiosco coruñés.

"Eu sirvo as mesas, bocatas, bebidas e tamén os viños. Atendo a xente e despois tamén me encargo de varrer", explica Adrián.

Café a café, bocata a bocata, Adrián e os seus compañeiros tiran abaixo estereotipos, etiquetas e falsos mitos. Eses cos que aínda teñen que pelexar 34.000 persoas en España e uns 6 millóns en todo o mundo.

"Aínda existen moitas etiquetas. As persoas con síndrome de Down poden traballar e formarse igual ca os demais. Todos temos capacidades diferentes, eles tamén as teñen. O que temos que facer é entender esas capacidades e traballar con elas, para que se podan desenvolver na sociedade coma calquera outra persoa", comenta Manuel Rego Vecino, o director de Down Coruña.

En pouco tempo lograron relanzar a sona do bocadillo de luras da praza de Ourense. A partir deste mes ofrecen tamén a versión gourmet, con receitas ideadas polos cociñeiros de maior prestixio da cidade.

"Cada mes pasa un cociñeiro do colectivo Coruña Cociña para facer a súa versión do bocadillo de luras. En marzo temos a Alvaro Victoriano, do restaurante Peculiar", di Manuel.

"O gourmet leva queixo, leituga e unha salsiña rica coas luras", explica Adrián. 

Un exquisito bocado para recibir a primavera e celebrar que a inclusión é posible, e tamén rendible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade