Díaz ofrece o ministerio de Dereitos Sociais, pero Podemos pide Igualdade

Nacho Álvarez renuncia a entrar no Goberno e dimite de todos os cargos en Podemos

Yolanda Díaz no Congreso dos Deputados (EFE)
G24.gal 17/11/2023 16:07 Última actualización 17/11/2023 21:27

A líder de Sumar, Yolanda Díaz, ofreceu a Podemos un ministerio no novo Goberno de Pedro Sánchez, para o actual secretario de Estado de Dereito Sociais, Nacho Álvarez, unicamente se a formación violeta se compromete a cesar nos seus "ataques" e "insultos" contra ela.

Mais a secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, rexeitou a proposta da líder de Sumar, e quixo lembrarlle que a súa elección é Irene Montero á fronte de Igualdade, no canto de Nacho Álvarez.

"Os ministros de Podemos elíxeos Podemos", asegurou Belarra en X ao coñecer a proposta de Díaz, do mesmo xeito que nos últimos meses defendeu a elección do seu partido, que é que Montero continúe en Igualdade. Belarra acusou a Yolanda Díaz de filtrar "a noticia" da oferta de que Álvarez sexa ministro "á vez" que lla comunicaban a Podemos. 

Nacho Álvarez, renuncia

Sexa como for, a opción de Nacho Álvarez queda descartada. O secretario de Estado de Dereitos Sociais en funcións e dirixente de Podemos, rexeitou formar parte do próximo Goberno, como lle propoñía Yolanda Díaz, e anunciou que dimite de todos os seus cargos na formación violeta por perder a confianza da dirección. 

"Considero que o máis honesto é dar un paso ao carón e dimitir dos meus cargos no partido, deixando tanto a Secretaría de Economía como o Consello Cidadán Estatal e a Executiva", escribiu nunha carta dirixida á militancia e publicada na rede X

 

Pedro Sánchez debe decidir a composición do seu novo Gabinete, tras prometer o cargo de presidente do Goberno este venres. Ao ser un executivo en coalición con Sumar, este debe reservar unha parte das carteiras para a formación de Yolanda Díaz.

Falta concretar se Sumar manterá cinco ministerios, como tiña Unidas Podemos ata o de agora, ou se reduce algún, xa que tamén diminúe o número de ministerios, aínda que é seguro que un deses postos será para Díaz como vicepresidenta.

Tamén se autodescartan o responsable de Universidades, Joan Subirats, e Alberto Garzón, que este venres anunciou que deixa a dirección de Esquerda Unida. Soan como ministrables o seu voceiro, Ernest Urtasun, en Cultura, ou a líder autonómica de Más Madrid, Mónica García, en Sanidade.

Da banda socialista, "coa certeza de que fará un bo goberno" dáse por feito que repetirán Teresa Ribera, Félix Bolaños ou María Jesús Montero. Calviño tamén sería unha aposta segura se non fose porque en decembro pode marchar para o Banco Europeo de Investimentos.

Especúlase con que Sánchez quere un Goberno con máis peso político. O seu xefe de gabinete, Óscar López, e moitos presidentes autonómicos que perderon o cargo hai 6 meses poderían ter acomodo no novo executivo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade