Perde forza o paro en Galicia, cos transportistas máis divididos
Perde forza o paro en Galicia, cos transportistas máis divididos
Organizaron unha marcha lenta cos seus camións por Ferrol, Fene, Narón e Neda
Algúns folguistas deciden volver traballar, pero outros manteñen o paro
Os transportistas convocadores do paro esixen que se lles garanta unha rendibilidade mínima
As protestas baixan a súa intensidade cando se cumpren quince días de folga. Houbo movemento de mercadorías en distintos polígonos industriais, coma no de San Cibrao das Viñas en Ourense e tamén no porto de Vigo, onde esta madrugada houbo descarga de peixe e se celebrou a puxa.
Noutras grandes zonas empresariais, como a Granxa, no Porriño, os grupos de piquetes continúan facendo presión sobre os camións que seguen traballando. Desde moi cedo, os piquetes tamén volveron ao porto da Coruña.
Pero comeza a haber división de opinións entre os que optan por manter o paro e os que queren volver ao traballo. É o caso de Apetamcor, a principal asociación que apoia a folga en Galicia, que decide seguir co paro malia un resultado moi axustado nas votacións: de 188 votos emitidos, 93 favorables a seguir coas mobilizacións fronte aos 80 que votaron en contra.
Nas asembleas da Coruña un 80 por cento dos transportistas decidiron seguir coa protesta; tamén en Lugo, onde puidemos ver a gran maioría dos camións parados no polígono de Ceao, din que non ven outra saída.
A única concentración este luns en Galicia celebrouse en Ferrolterra, onde ademais dos gandeiros, forestais e taxistas desta vez uníronse as autoescolas, que din que non lle poden repercutir aos seus clientes o prezo final da suba dos combustibles.
Organizaron unha marcha lenta cos seus camións polas vías da comarca, Ferrol, Fene e Narón. Tiveron de novo o apoio do sector forestal e gandeiro. Tamén dos taxistas, e, desta volta, uníronse as autoescolas.
O portavoz do colectivo convocador na comarca Antonio Otero destacou a alta participación nesta nova mobilización e expresou a súa confianza en que na reunión deste martes entre a plataforma e o Goberno central "se chegue a unha solución".
O Goberno galego di que as medidas chegan tarde e pide dunha mesa de diálogo para axilizar solucións. A plataforma convocadora di que continuará o paro e pide unha segunda reunión co Goberno central.