Publicador de contidos
Publicador de contidos

Discurso real "positivo" para PSOE e PP e "decepcionante" para UP e nacionalistas

Discurso real "positivo" para PSOE e PP e "decepcionante" para UP e nacionalistas

 O PSOE e o PP realizan unha avaliación en clave positiva e din que acerta no diagnóstico da situación, especialmente ao apostar pola estabilidade institucional

Visión moi diferente é a de Unidas Podemos e a dos nacionalistas cataláns e vascos: coinciden en cuestionar a mensaxe real e mesmo a Xefatura do Estado

O rei alerta contra a división, a deterioración da convivencia e a erosión das institucións

G24.gal 25/12/2022 14:24 Última actualización 25/12/2022 15:58

A presidenta do PSOE, Cristina Narbona, destaca que o monarca convida a facer unha reflexión construtiva sobre as institucións:

"Os socialistas valoramos moi positivamente o discurso de Nadal do rei. Temos un xefe do Estado que demostra ser moi consciente das preocupacións que afectan moitos cidadáns no noso país. O máis importante e que garantamos o bo funcionamento e a integridade das nosas institucións públicas".

Desde o PP, Cuca Gamarra salienta que España ten un gran monarca con sentido de Estado:

"Pronunciou onte un discurso sereno e impecable, cun certeiro diagnóstico dos difíciles momentos que vivimos e unha necesaria chamada á defensa dos valores constitucionais, destacando unha vez máis o seu sentido do Estado e a súa responsabilidade cos españois. Coma en anos anteriores, Filipe VI lanzou unha mensaxe de proximidade no que sinalou os potenciais do noso país".

As críticas frontais procederon de Unidas Podemos, do presidente da Generalitat e, en xeral, das formacións nacionalistas:

"A comparecencia de onte foi decepcionante, pero non podía ser doutra maneira, porque a falta de lexitimidade democrática na Xefatura do Estado fai que sexa incapaz de poder cumprir axeitadamente coa función institucional de arbitrar e moderar os poderes do Estado", sinalou Rafa Mayoral desde Unidas Podemos.

"O discurso de onte do rei non achegou ningunha novidade. De feito a monarquía non pode ser exemplo nin de integridade nin de rectitude para ninguén, nin tampouco as institucións do réxime de 1978", foi o xuízo expresado por Pere Aragonès.

"Que se adapte aos tempos, que non faga discursos como o que fixo hai uns anos sobre Cataluña e que acepte a realidade das nacións", declarou Aitor Esteban, voceiro do PNV no Congreso.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade