Disparan tres balotes contra un autobús cheo de pasaxeiros
Disparan tres balotes contra un autobús cheo de pasaxeiros
Os balotes impactaron coas ventás laterais do vehículo e romperon dúas delas
Todos queren que se esclarezan as causas dos disparos
Viaxaban en autobús cando de repente varios balotes impactaron coas ventás laterais do vehículo e romperon dúas delas.
Sucedeulles aos pasaxeiros e ao condutor do traxecto entre Pontedeume e Ferrol, nun autocar do grupo Monbus.
A empresa xa anunciou que denunciará o sucedido. Por sorte, ningunha persoa resultou ferida. Os usuarios condenan este acto, que cualifican de vandalismo. Algúns apuntan ao descontento que hai, din, co servizo do bus.
Aconteceu na parada de Limodre, no concello de Fene, no autobús das sete e vinte da mañá que cobre a liña Pontedeume-Ferrol cando ía cheo de pasaxeiros.
Por sorte, non houbo feridos e os danos foron só materiais. O autobús puido finalizar a súa ruta na estación de Ferrol e alí houbo que cambiar de autocar para cubrir o traxecto das oito da mañá ata A Coruña. Un suceso que, segundo os usuarios, provocou un importante atraso.
Explican que, malia ser este de forza maior, non é illado porque levan dous anos denunciando este problema.
Desde o grupo Monbus din que descoñecen as causas do suceso e, malia que saben do malestar dos pasaxeiros, non se atreven a acusar a ninguén.
Tampouco moitos dos pasaxeiros que aseguran que as súas queixas sempre foron pacíficas.