Djokovic faise co ouro e deixa a prata para Alcaraz
Djokovic faise co ouro e deixa a prata para Alcaraz
O serbio venceu o español en dous tie-breaks e suma a medalla que lle falta
O partido entre Carlos Alcaraz e Novak Djokovic era un dos eventos estrela destes xogos olímpicos. Os que probablemente sexan mellores xogadores do momento enfrontáronse nun partido de ti a ti que desprendía tensión dende o primeiro intre, e que caeu do lado do balcánico (7-6 e 7-6).
O serbio e o español xogaron un primeiro set moi disputado onde cada un asegurou o seu saque ata levar o partido ao tie-break. O murciano desaproveitara ata oito bolas de rotura para roubarlle o saque a Djokovic, algo que puido seguir na súa cabeza co paso do partido. No momento da verdade, o serbio asegurou o seu saque e, incomodando moito a Alcaraz, conseguiu facerse coa primeira manga.
No segundo set foi o balcánico quen levou a batuta no xogo, pero Alcaraz mantívose no marcador e conseguiu salvar os intentos de Djokovic de romperlle o saque. Pola súa banda, Djokovic incrementara claramente o seu acerto nos primeiros servizos e estaba a gañar o seu servizo con facilidade. Con 4-4 e inicio para Alcaraz houbo un momento clave, cando Djokovic levantou o 40-0 de vantaxe para o murciano e a derrota parecía comezar a caer sobre este. Non obstante, en dous intercambios de moitísimo nivel por parte de ambos tenistas Alcaraz fíxose co xogo poñendo o 5-4. Djokovic empatouno, Alcaraz respondeu co 5-6 e o serbio volveu aparecérselle levándoo ao tie-break.
Outra vez momento da verdade no tie-break, máxima tensión e o serbio fixo valer a súa maior experiencia. Alcaraz xogou con timidez e cunha man que tremía fronte á fortaleza e precisión do balcánico. Novak puxo o 6-2 e aproveitou a súa primeira bola de partido para facerse co título que lle faltaba, a medalla de ouro que xa se une á súa ateigada vitrina.
Carlos Alcaraz consegue a prata na súa primeira participación nos Xogos Olímpicos.