Publicador de contidos
Publicador de contidos

Doce mortos nas últimas horas no enfrontamento entre o exército israelí e a Xihad islámica

Doce mortos nas últimas horas no enfrontamento entre o exército israelí e a Xihad islámica

A intensificación do conflito é unha resposta por parte dos radicais palestinos á morte de tres dos seus líderes

No que vai de ano, un total de 22 persoas perderon a vida nos enfrontamentos entre o exército israelí e os grupos palestinos

A escalada bélica intesificouse nas últimas horas A escalada bélica intesificouse nas últimas horas
G24.gal 10/05/2023 19:03

A xornada amenceu nun clima de tensa calma, á espera da resposta armada desde a franxa á ofensiva israelí de onte, que tivo por obxectivo matar os tres principais líderes da YIP en Gaza, pero que causou ademais a morte doutras 12 persoas, entre elas 10 civís.

As primeiras hostilidades de hoxe chegaron sobre o mediodía (09:00 GMT), con bombardeos israelís sobre milicianos palestinos en Gaza, que presuntamente se dirixían lanzar foguetes. Pouco despois, e tras máis de 24 horas de ameazas, as milicias dispararon os primeiros proxectís.

As alarmas antiaéreas activáronse primeiro nas comunidades israelís lindeiras con Gaza e aos poucos minutos rexistráronse as primeiras intercepcións de foguetes sobre o ceo de Tel Aviv, cuxa poboación tivo que correr aos refuxios por primeira vez en case un ano.

As últimas cifras difundidas polo exército israelí indican que máis de 289 proxectís foron lanzados desde Gaza, dos cales tan só 3 impactaron en áreas urbanas, sen causar feridos. Do total, 212 cruzaron a territorio israelí -máis de 60 foron interceptados polos sistemas antimísiles-, e 56 resultaron en lanzamentos errados que caeron dentro da franxa.

Segundo o portavoz militar, ademais do coñecido sistema Cúpula de Ferro, nesta ocasión tamén foi utilizado o sistema antimísiles David Sling, que permite interceptar proxectís a unha distancia de ata 300 quilómetros.

En paralelo, a Forza Aérea Israelí continuou bombardeando durante todo o día obxectivos da Yihad en Gaza, onde este mércores morreron sete persoas: catro milicianos, dous nenos e un terceiro civil, de 20 anos.

A cifra total de falecidos desde o comezo onte das hostilidades elévase xa a 22, incluíndo nove milicianos e 13 civís, entre eles seis nenos. O número de feridos alcanza xa os 64, segundo as cifras oficiais do Ministerio de Sanidade en Gaza.

Aínda que o exército israelí reponsabilizou a Yihad Islámica polos foguetes lanzados. Un portavoz do movemento islamita Hamás -que goberna en Gaza e conta cun arsenal moito maior- afirmou que o grupo participa na resposta armada.

Resposta ao bombardeo israelí

A Cámara de Operacións Militares Conxuntas, que aglutina as faccións armadas palestinas en Gaza -incluíndo tanto a YIP como a Hamás- indicou que os foguetes de hoxe son a resposta á morte dos membros da Yihad e ao "traizoeiro bombardeo de vivendas civís".

"O asasinato dos nosos homes e heroes é unha liña vermella que será enfrontada con toda a forza e o inimigo pagarao caro", agregaron as faccións nun comunicado, en que advertiron ademais que "a resistencia está lista para todas as opcións, e se a ocupación (israelí) persiste na súa agresión e arrogancia, espéranlle días escuros".

Nas últimas horas, un portavoz de Hamás en Gaza informou de que Exipto, Qatar e as Nacións Unidas intensificaron os seus intentos por mediar un cesamento do fogo. Segundo o portavoz, Ismael Haniyeh, líder político de Hamás, transmitiría aos mediadores que "a resistencia está unida e preparada" para seguir facendo fronte á "agresión israelí".

Mediación

En canto aos intentos de mediación, o portavoz do exército israelí, Daniel Hagari, respondeu: "Non estamos a abordar acordos de cesamento do fogo. Estamos enfocados na defensa e no ataque".

Por outra banda, o Comando da Fronte Interior do Exército anunciou hoxe que as escolas e praias das comunidades israelís próximas a Gaza permanecerían pechadas ata o venres pola tarde, mentres que o ministro de Defensa, Yoav Gallant, solicitou ampliar a declaración de situación de emerxencia en todas as comunidades situadas nun radio de 80 quilómetros da Franxa.

O asasinato onte de tres líderes da Yihad Islámica -considerada grupo terrorista por Israel, EUA e a Unión Europea e apoiada economica e militarmente por Irán- chegou unha semana despois dunha curta escalada de violencia na zona, que incluíu o disparo de máis de 100 foguetes desde Gaza tras a morte dun importante membro da YIP tras 86 días en folga de fame nun cárcere israelí.

Desde entón, tanto Israel como as milicias aumentaron a súa preparación para estes enfrontamentos, mentres que múltiples actores internacionais instaron a manter a calma.

A situación actual aseméllase ás hostilidades de agosto de 2022 entre o exército israelí e a Yihad islámica, tamén tras o asasinato por parte de Israel de tres altos cargos do grupo e que se estendeu durante tres días de intensos combates. Aquela escalada deixou un saldo duns 50 palestinos mortos en Gaza e ningún en Israel. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade