Publicador de contidos
Publicador de contidos

Donald Trump, primeiro expresidente dos EUA con ficha policial

Donald Trump, primeiro expresidente dos EUA con ficha policial

A súa ficha policial é a primeira a un presidente en activo ou retirado nos 250 anos de historia da república

Declarouse non culpable dos 34 cargos relacionados co pago irregular á actriz porno Stormy Daniels

G24.gal 04/04/2023 19:45 Última actualización 04/04/2023 22:52

O expresidente de Estados Unidos Donald Trump escoitou hoxe a notificación dos 34 cargos na súa contra, todos eles consistentes en distintos tipos de "falsificación de rexistros mercantís".

Todos se consideran "violacións do artigo 175.10 do Código penal" e defínense como "intento de defraudar e de cometer outro delito" e de agochalo.

Once deles están relacionados con facturas emitidas polo entón avogado de Trump, Michael Cohen, que se declarou culpable e presuponse será unha das testemuñas principais do caso.

O expresidente dos Estados Unidos declarouse non culpable dos 34 cargos que se lle imputan.

A súa ficha policial será a primeira a un presidente en activo ou retirado nos 250 anos de historia da república.

Trump, que se converteu no primeiro presidente estadounidense en afrontar cargos penais, presentouse ante o xuíz do tribunal neoiorquino de Manhattan Juan Manuel Merchán pouco despois de entregarse á Fiscalía, onde lle leron os seus dereitos e foi fichado.

Pagos a unha actriz porno a cambio de silencio

Todos os delitos que se lle atribúen a Trump están relacionados co pago de 130.000 dólares á exactriz porno Stormy Daniels en 2016 a cambio do seu silencio sobre un encontro sexual con el.

A Fiscalía sospeita que os cartos procedían dos fondos de campaña do daquela candidato á Casa Branca, o que o convertería en sospeitoso de delito electoral. Trump e os seus avogados sosteñen que tras a imputación hai unha motivación política.

Nunha carta aos seus seguidores, o republicano lamenta que os Estados Unidos se estean convertendo, di, nun país marxista do terceiro mundo que criminaliza os disidentes e encarcera a oposición.

Pouco antes de chegar á sede da fiscalía, Trump tivo tempo de escribir na súa rede Truth Social que a situación lle parecía "surrealista".

"Van arrestarme. Non podo crer que isto estea pasando nos Estados Unidos", escribiu desde o vehículo que o trasladaba ata o Tribunal Penal de Manhattan.

Saída de Donald Trump do xulgado

Dispositivo de máxima seguridade

Este feito inaudito na historia dos Estados Unidos obrigou a despregar un enorme dispositivo policial no centro de Nova York. Pero á convocatoria da congresista ultra Marjorie Taylor Greene só acudiu un cento de simpatizantes de Trump, tantos como os detractores que se plantaron fronte a eles.

O temor a un novo asalto ao Capitolio quedou reducido a un vehemente intercambio de opinións. Máis preocupante é que a imputación de Trump disparou a súa popularide nas enquisas: volve ser o candidato preferido dos republicanos para competir o ano que vén pola presidencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade