Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dous falecidos en senllos accidentes de tráfico ocorridos en Narón e Cabanas

Dous falecidos en senllos accidentes de tráfico ocorridos en Narón e Cabanas

Nun intervalo de 40 minutos, produciuse un atropelo mortal en Cabanas e a saída da vía dun turismo en Narón

Unha das vítimas é un home que foi atropelado preto do centro de saúde de Cabanas
G24.gal 13/04/2022 10:16

Os concellos coruñeses de Cabanas e Narón rexistraron esta noite senllos accidentes con tráxicas consecuencias para os seus implicados.

Nun intervalo de 40 minutos e dentro do mesmo ámbito comarcal, dúas persoas morreron como consecuencia das lesións provocadas por dous accidentes de circulación.

O 112 Galicia recibiu unha chamada ás 23:00 horas deste martes onde se alertaba dun atropelo a un home nas inmediacións do Centro de Saúde de Cabanas. O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitou a intervención dun equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero nada puideron facer por salvarlle a vida. Segundo as testemuñas do accidente, o impacto co vehículo provocou á vítima un forte golpe na cabeza

O home, de 72 anos, morreu pouco despois do impacto e o condutor do turismo deu positivo por drogas. O vehículo segue no lugar tras quedar inmobilizado a última hora de onte. 

Cabe destacar, iso si, que se trata dunha zona onde os veciños levan tempo denunciando a falta dun paso de peóns e a pouca visibilidade cando cae o sol. 

Ademais do equipo médico, neste operativo interviñeron os voluntarios de Protección Civil da localidade e os axentes da Garda Civil de Tráfico. 

Corenta minutos despois, outra comunicación ao 112 mobilización aos Bombeiros de Narón para liberar a un condutor atrapado dentro dun vehículo envorcado na rotonda de acceso á gasolineira Valcarce. Cando chegaron comprobaron que a persoa estaba xa falecida. Deseguido, excarceraron a vítima e restableceron as condicións de seguridade na calzada.

Xunto cos bombeiros colaboraron tamén os axentes da Policía Local e Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que sen posibilidade de recuperación para o condutor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar