Dous mortos, un deles policía, nun tiroteo no norte de Nova York
Dous mortos, un deles policía, nun tiroteo no norte de Nova York
É o terceiro incidente armado con vítimas entre a Policía nunha semana
Un policía morreu e outro quedou ferido grave nun tiroteo rexistrado no barrio neoiorquino de Harlem, ao norte da illa de Manhattan. O agresor de ambos os dous axentes tamén morreu, segundo recollen varios medios da prensa estadounidense.
O diario New York Post asegura que os policías acudiran pola chamada de auxilio dunha muller que estaba no medio dunha pelexa co seu fillo. Ao chegaren ao lugar dos feitos, o home recibiunos a tiros, e desatouse entón un enfrontamento a balazos.
Todos os medios salientan que é o terceiro incidente armado con vítimas entre a Policía en só unha semana, despois de que o martes e o xoves outros dous axentes quedaran feridos de bala en senllos incidentes distintos, en Staten Island e Brooklyn.
A semana pasada rexistráronse outros dous crimes na cidade. Nun local de Burger King, unha das traballadoras foi asasinada por un atracador e no metro, un indixente empurrou ás vías, sen razón aparente, unha muller de 40 anos que se atopaba na plataforma no momento en que o tren entraba na estación.
O alcalde, que fora comisario no pasado, asumiu o posto o 1 de xaneiro coa promesa de devolverlle á cidade un clima de tranquilidade. Chegou ao cargo tras unha campaña electoral centrada na inseguridade.