Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os EUA cancélanlles a débeda estudantil a 800.000 persoas

Os EUA cancélanlles a débeda estudantil a 800.000 persoas

A condonación ten un valor de 39.000 millóns de dólares, uns 34.700 millóns de euros

Joe Biden en Washington Joe Biden en Washington
G24.gal 15/07/2023 08:41 Última actualización 15/07/2023 09:11

O Goberno de Estados Unidos vai perdoarlle a débeda estudantil de 804.000 persoas por un valor de 39.000 millóns de dólares (uns 34.700 millóns de euros).

Segundo informan os medios estadounidenses, a medida aplicarase a persoas beneficiarias dos plans de reembolso segundo ingresos, que levan entre vinte e vinte e cinco anos pagando a súa débeda.

O presidente, Joe Biden, sinalou que a medida forma parte do seu compromiso coa educación, malia a oposición do partido conservador.

"Os lexisladores republicanos fixeron todo o que puideron para evitar que brinde axuda aos traballadores estadounidenses", subliñou nun comunicado.

O secretario de Educación, Miguel Cardona, explicou pola súa banda que a acción se dirixe a debedores que durante moito tempo se viron afectados polas "gretas dun sistema roto que lles fallou".

Apuntou que a cancelación beneficiará moitas persoas que se viron afectadas por erros administrativos ou foron "enganadas" polas súas universidades. Tamén se dirixirá a quen ten discapacidades permanentes, como veteranos de guerra.

Perdoados 116.600 millóns

Desde que Biden chegou á Casa Branca o seu Goberno perdoou 116.600 millóns de dólares de débeda estudantil a 3,4 millóns de persoas, segundo datos do Departamento de Educación citados pola cadea CNN.

A nova chega semanas despois de que o Tribunal Supremo tombara o plan de condonación de ata 20.000 dólares por préstamo de débeda estudantil que Biden aprobara e co que buscaba ampliar este alivio.

Cando se produciu aquela decisión, o mandatario demócrata dixo que buscaría novos camiños para aprobar a condonación de débeda estudantil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade