Unha familia de Ribadumia recupera a súa cadela cinco anos despois
Unha familia de Ribadumia recupera a súa cadela cinco anos despois
Unha moza localizouna en Boiro e entregoulla a Protección Civil que lla devolveu aos donos grazas ao microchip
Case un milagre. Así se pode cualificar o reencontro dunha familia de Ribadumia con Lúa, a cadela que lles desaparecera hai 5 anos. Localizouna unha moza en Boiro o sábado e entregouna en Protección Civil. Grazas ao microchip deron cos donos, que non daban creto á nova.
Lúa, unha yorshire de 13 anos que hai 5 saíu da súa casa de Raibadumia como cada mañá pero non regresou. A familia denunciou a desaparición, buscárona durante moito tempo e dérona por perdida para sempre.
Pero o sábado recibían a chamada máis inesperada e emocionante das súas vidas. Eran os membros de Protección Civil de Boiro que lle comunicaban a aparición da cadela. Atopáraa unha moza na rúa e grazas ao microchip puideron localizalos.
A familia non agardou e desprazouse a Boiro ese mesmo día a recollela. Foi un reencontro moi emotivo.
O regreso de Lúa foi un acontecemento. Toda a familia acudiu ao reencontro. Pero un dos momentos máis emotivos foi cando chegou a casa Fran, un dos fillos de María Isabel, ao que lle gardaran o segredo para darlle unha sorpresa.
Lúa está aínda estraña, triste e recuperándose do mal estado en que foi atopada. Pero conta co cariño e os mellores coidados da súa familia.
A cadela ten agora ademais unha compañeira de xogos, Mia, á que a familia adoptou hai dous anos. Aínda teñen que afacerse a unha a outra, pero cariño teñen abondo para ambas. A familia non quere esquecer o xesto da moza que a atopou e dos membros de Protección Civil de Boiro que lla devolveron.