Empate en Balaídos entre Celta Fortuna e Ponferradina (0-0)
Empate en Balaídos entre Celta Fortuna e Ponferradina (0-0)
O filial tivo dous paus, pero non foi quen de anotar
Os do Bierzo apenas se achegaron á porta local
A Ponferradina visitou Balaídos para enfrontar un Celta Fortuna que semellaba deixar atrás as malas sensacións. A vitoria aupaba a quen a obtivese aos postos altos na táboa, pero o encontro foi espeso e non se moveu o marcador.
O Celta Fortuna levou a iniciativa nos primeiros compases de xogo, tendo a maior parte da posesión do esférico e achegándose con relativo perigo sobre a meta visitante. Inda así, non foi quen de xerar grandes ocasións, e o partido estancouse. O xogo trabouse e quedou sen ritmo ata os intres finais do primeiro acto. No minuto 43, unha boa triangulación do conxunto celeste foi salvada polo gardarredes visitante primeiro, e pola zaga despois. No 45', sen prolongación, o colexiado sinalou o túnel de vestiarios.
A segunda metade seguiu o mesmo guión que a primeira. O filial mantivo a posesión e buscou o gol, aínda que ás veces pecou de non querer tirar dende fóra da área. A maior sensación de perigo levouna nas botas Alfon, que dende a parte esquerda tentou en varias ocasións ver porta.Foi incapaz. Diante dos celestes, unha Ponferradina que non levou excesivo perigo e na segunda metade non gozou de chegadas claras. As mellores opcións para o filial, dous paus, o primeiro de Raúl Blanco e o segundo de Román, que non tiveron sorte de cara a porta.
O empate final, deixa na quinta praza aos de Giráldez, unha por debaixo da Ponferradina. A tres e dous puntos do liderado, respectivamente. Unha desvantaxe, que mañá pode ampliar o Deportivo.