Tres dos detidos en Galicia na operación Vozka quedan en liberdade provisional
Tres dos detidos en Galicia na operación Vozka quedan en liberdade provisional
A Garda Civil dá por desartellada a organización que fornecía motores foraborda e narcolanchas a grupos criminais do Estreito
Quedan en liberdade provisional tres das seis persoas detidas na operación policial desenvolvida en Galicia e Portugal que desmantelou unha organización galega que fornecía motores foraborda e narcolanchas a grupos criminais do Estreito.
Segundo informan fontes xudiciais, dúas delas quedaron "en liberdade con comparecencias quincenais" e outra "con comparecencias semanais", prohibición de saída do territorio nacional e retirada de pasaporte.
A operación policial desenvolveuse hai uns días, tras unha longa investigación, na que se comisaron 14 quilos de haxix, ademais doutras substancias estupefacientes, cartos en metálico e varios vehículos.
No operativo, denominado Vozka, as forzas de seguridade levaron a cabo varios rexistros en Galicia e detiveron seis persoas, dúas en Ourense e o resto no Carballiño, Ribadumia, Tui e Vigo.
Tamén lle tomaron declaración a outras cinco en calidade de investigadas.
Redes criminais do Estreito
A organización desartellada, tamén dedicada ao branqueo de capitais, operaba entre a provincia de Ourense e o norte de Portugal.
No país veciño, vendían motores e lanchas a redes criminais do Estreito que usaban para o tráfico de drogas e o transporte ilegal de persoas.
Nesta operación, a Garda Civil e a Axencia Tributaria contaron coa colaboración da Policía Judiciária de Braga (Portugal).