Agardan con emoción en Marín a chegada de Samuel, un dos sobreviventes
Agardan con emoción en Marín a chegada de Samuel, un dos sobreviventes
Marta Piñeiro, amiga súa, conta que este mariñeiro ghanés é moi querido
Na conversa que mantiveron o xoves non contou nada sobre as causas do sinistro
Marta Piñeiro é amiga de Samuel Kwesi, un dos tres sobreviventes do naufraxio do Villa de Pitanxo. Asegura que os seus tíos son coma uns pais para este mariñeiro ghanés que vive en Marín desde hai case unha década. Conta que todos están máis tranquilos dende que puideron falar con el.
"Cando o escoitaron, que foi a primeira vez que falamos, estaban emocionadísimos todos, e onte quixemos volver falar pero o teléfono xa non ía pero antonte falamos todo o tempo que quixemos sen problema".
Pero a primeira chamada de Samuel tras o naufraxio foi á súa muller Emilia, que vive en Ghana cos cinco fillos da parella. Ao pequeno aínda non o coñece en persoa.
"Cando conseguiu un móbil o primeiro que fixo foi chamar a Emilia, e claro eu creo que Emilia non sabía por onde viñan os tiros, porque non fala inglés"
Marta di que, de momento, Samuel aínda non lles contou nada sobre o naufraxio. Tampouco lle preguntaron porque cre que non era o momento.
"Samuel o que dixo é que estaba ben. Miña tía, como boa nai, preguntoulle se estaba comendo, e díxolle que si, pero que antonte era a primeira vez que podía comer algo, entendo que por toda a situación, o shock. Nós só lle dixemos que o estabamos agardando e que se coidase moito, e dixo que cando chegase aquí, miña tía tiña que darlle moitas apertas e facerlle unha tortilla que é a súa comida preferida".
Pensa que cando estea de volta xa haberá tempo para coñecer a súa versión sobre o naufraxio. Agora só esperan que chegue a Marín para poder abrazalo e mostrarlle o apoio dos seus amigos e de toda a vila.
"Eu creo que el non se imaxina todo o rebumbio que está habendo, por iso nós queremos seguilos protexendo, tanto a el como a familia e imos estar aí. Pero nós e creo que todo o pobo de Marín, porque é moi querido".