Ángeles Carmona (CXPX): "A reforma da lei do 'só si é si' era necesaria e é correcta"
Ángeles Carmona (CXPX): "A reforma da lei do 'só si é si' era necesaria e é correcta"
A presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial defende que os cambios introducidos na norma volven á penalidade anterior, pero cun único tipo delitivo e "mantendo a definición do consentimento exactamente como estaba na lei do 'só si é si'"
En que consiste a reforma da lei de liberdade sexual do PSOE?
A reforma da lei do 'só si é si' "era necesaria e a reforma é correcta no sentido en que volve á penalidade anterior", cre Ángeles Carmona, presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), quen explica que "segue existindo un só tipo delitivo, que é a agresión sexual".
E ao mesmo tempo, explica nunha entrevista no programa Bos días da Televisión de Galicia, "segue mantendo a definición do consentimento exactamente como estaba na lei do 'só si é si'".
"Estamos asistindo nos últimos meses a unha utilización partidista de algo que debería ser incontestable e transversal que sen dubida ningunha polo que temos que seguir loitando porque segue habendo asasinatos e violencia machista e segue habendo desigualdades", cre Ángeles Carmona.
"Non debe empregarse partidistamente temas tan sensibles que desgarran a sociedade como é precisamente a violencia sexual que afecta de maneira destacada ás mulleres e tamén aos nenos e nenas", afirma.
"Previamos o que está ocorrendo e así se advertiu"
Desde este observatorio do CXPX insisten en que avisaron das consecuencias que tería a entrada en vigor da lei: "No informe que aprobou por unanimidade o CXPX, advertiamos do que ocorreu", di Carmona.
"Debemos ter en conta que hai 4.000 presos cumprindo condena por delitos contra a liberdade sexual e polo tanto son 4.000 potenciais casos nos que se pode solicitar esa revisión, aínda que desde logo non todas serán reducidas conforme aos criterios que xa estableceu o noso Tribunal Supremo. Polo tanto previamos o que está ocorrendo e así se advertiu, aínda que é verdade que o noso informe non é vinculante", explica.
"Temos a sorte de ter unha carreira xudicial perfectamente implicada"
Ángeles Carmona defende a independencia dos xuíces das acusacións que verteron contra eles desde que se comezou a aplicar a lei: "Os xuíces en España non son machistas. Ao contrario. Están formados e especializados, e perfectamente preparados para protexer ás vítimas máis vulnerables que son as vítimas da violencia machista".
"En España temos a sorte de ter unha carreira xudicial perfectamente implicada e non só con coñecementos xurídicos, senón con sensibilidade e concienciación e perspectiva de xénero, como demostra a sala Segunda do Tribunal Supremo coas súas sentenzas", insiste a presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do CXPX.
"É necesario lanzar unha mensaxe de que este delito é moi grave"
Ángeles Carmona sostén que estes delitos sexan perseguidos e castigados con penas elevadas transmite a idea da súa gravidade aínda que "non só o Código Penal acaba coa violencia machista e a violencia sexual. É necesario seguir insistindo nos recursos asistenciais, no acompañamento da vítima. Non só con penas se acaba con esta violencia".
"Agora ben, -asegura- é absolutamente necesario lanzar unha mensaxe á sociedade de que este delito é moi grave. Debe completarse coa reeducación dos maltratadores e delincuentes sexuais con esa asistencia social que é precisa para as vítimas. Pero lanzar a mensaxe de que este delito non é tan grave é moi pernicioso e é algo que rexeita a sociedade como estamos vendo coa alarma social que xeran as reducións de condena".
"Que as mulleres sintan que están protexidas"
E ao mesmo tempo lanza unha mensaxe optimista sobre a situación en España: "Imos mellorando moito. España é un país de referencia e líder na loita contra a violencia machista. É máis, a nosa lexislación, a coordinación de institucións, a forma en que estamos xestionando e protexendo as vítimas está sendo imitada por outros países".
"Vai mellorando, sen dúbida. E vémolo no incremento das denuncias. Un delito que ata agora estaba silenciado e incluso tolerado por parte da nosa sociedade agora mesmo vemos como se está visibilizando e vemos que as mulleres van confiando nas institucións, e confiando en que se denuncian van ser protexidas elas e o seu entorno. E desde logo que o sistema vai funcionando", insiste.
"Que temos que seguir mellorando, desde logo, non podemos baixar a garda, e non podemos dar marcha atrás, iso é evidente. Pero a forma en que estamos a traballar en España temos que continuar insistindo, sobre todo para que as mulleres sintan que están protexidas e que as institucións van responder con profesionalidade para protexer as súas vidas e a súa integridade física e psíquica", conclúe Ángeles Carmona.
E para finalizar lanza outra advertencia: a pesar da reforma da lei do 'só si é si', seguirá habendo redución de penas. "Nós estamos recadando os datos, imos seguir actualizando ás cifras. E por desgraza imos seguir asistindo a novas rebaixas de condenas", di Ángeles Carmona.