Equipos de psicólogos informan as familias na sede da armadora do Villa de Pitanxo
Equipos de psicólogos informan as familias na sede da armadora do Villa de Pitanxo
Os familiares demandan máis información sobre os corpos rescatados e desaparecidos
Piden que España continúe a busca tras a suspensión do operativo do Canadá
Familiares e amigos dos membros da tripulación do Villa de Pitanxo achegáronse durante a mañá ata a sede da armadora Nores en Marín en busca de nova información.
Na armadora tamén son recibidos polos equipos de psicólogos que lles foron asignados a través do protocolo de apoio, que lles trasladarán a situación concreta do seu familiar e os axudarán a afrontar a dor.
Tras a noticia de que O Canadá suspendeu os labores de busca, piden que o Goberno de España mande barcos á zona na procura do resto de corpos.
Tres días despois do afundimento, hai familias que aínda descoñecen se os seus achegados están entre algún dos corpos recuperados ou entre os desaparecidos.
A distancia e as circunstancias do lugar do sinistro, inaccesible para os familiares das vítimas, e mais a escasa información que lles chega é o primeiro obstáculo a que teñen que facer fronte para abordar o proceso do loito. Son os equipos especializados, 39 psicólogos, os que se ocupan da comunicación coas familias.
"Asignado cada un a unha familia determinada, para facer o seguimento telefónico segundo as necesidades, e se hai información relevante para eles comunicárllela tamén", epxlica Julita Touriño Araújo, membro do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias
Cada persoa segue o seu particular proceso á hora de afrontar o dó. Tras a incerteza inicial, chega normalmente a carraxe. "A moitos, ira, rabia... fanse preguntas porque quizais pensaron moitas veces na posibilidade de que o seu irmán, o seu pai, o seu fillo... buscasen outro emprego", di a psicóloga Isabel Calle.
Os psicólogos recomendan o que denominan ventilación emocional. "É normal sentir rabia, dor... hai que normalizalo e facilitalo", asegura Julita Touriño.
O dó é individual, pero, nestes casos, ao tratarse de catástrofes de tales dimensións, aflora o sentimento de comunidade.