Escollen a porta mellor decorada do Nadal
Escollen a porta mellor decorada do Nadal
34 veciños de Ponte Caldelas participan na primeira edición deste concurso
Este luns déronse a coñecer os gañadores do primeiro concurso de decoración de Nadal nas portas das vivendas de Ponte Caldelas. Houbo 34 participantes nesta primeira edición, e os propios veciños foron os encargados de votar a través das redes sociais.
Hainas con flores, estrelas, grilandas, papá noeis... As casas locen estes días a súa mellor cara. Non foi doado para os veciños escoller, pero finalmente o primeiro premio recibiuno unha vivenda de Caritel.
Detrás da decoración de cada unha das 34 portas, hai moita ilusión e tamén traballo en equipo. Na casa gañadora, por exemplo, a familia dedicou moitas horas en recrear unha verdadeira entrada ao Nadal. Din que o recoñecemento do premio é importante pero sobre todo o que gozaron en familia preparándoo todo.
"Fixémolo un pouco polo espírito de Nadal e por gozar cos nenos. Foron moitas horas recollendo polas, facendo a estrutura, foi un traballo laborioso, pero, sobre todo, gozamos", apunta Pablo Durán Veloso, propietario da casa premiada.
O segundo premio quedou nunha casa de Paradela. Un portal realizado con moito agarimo tamén polos cativos da casa.
"Comezamos polo quebranoces, que nos levou unha semana, e despois puxemos as letras e os rapaces foron achegando un Papá Noel e outras ideas, e quedou así", explica María Malleiro Regadas, despois de recibir o segundo premio á mellor porta decorada.
É a primeira vez que Ponte Caldelas celebra este concurso, no que todos os veciños gañan ao poder gozar da decoración de todos os participantes.