Publicador de contidos
Publicador de contidos

España non introducirá peaxes nas autovías a cambio de impulsar o transporte ferroviario de mercadorías

España non introducirá peaxes nas autovías a cambio de impulsar o transporte ferroviario de mercadorías

A Comisión Europea acepta o cambio proposto polo Executivo español ao considerar que dá pasos cara a un sistema de mobilidade máis sostible

A Comisión Europea aproba o plan de recuperación español, con 93.500 millóns de euros máis en fondos

G24.gal 02/10/2023 13:52 Última actualización 02/10/2023 14:20

A Comisión Europea acepta que España substitúa a introdución de peaxes polo uso de estradas, autovías principalmente, que estaba prevista no plan de recuperación orixinal a partir de 2024 por medidas de impulso ao transporte ferroviario de mercadorías, como solicitara o Goberno.

Bruxelas deu o seu visto e prace a esta modificación na súa análise da addenda do plan de recuperación, polo que, unha vez sexa aprobada tamén polos Estados da UE no prazo dun mes, eliminará formalmente o pagamento por uso de estradas ao que se comprometeu no documento orixinal dentro das medidas da nova Lei de Mobilidade Sostible.

"Foi substituída (a reforma das peaxes) por provisións que promovan o uso do transporte ferroviario para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro", explicou nunha conferencia de prensa a portavoz de Economía da Comisión, Veerle Nuyts.

Así, o Executivo comunitario considera que as opcións alternativas expostas, que buscan impulsar o transporte de mercadorías por vía ferroviaria, "manteñen o mesmo nivel de ambición" que a proposta orixinal e permiten a España seguir abordando a recomendación de que dea pasos cara a un sistema de mobilidade máis sostible.

En particular, defende que as novas medidas "contribúen á redución das emisións do transporte por estrada" e aborda a recomendación que Bruxelas fixera a España para "mellorar as súas infraestruturas ferroviarias" e "investir en transporte sostible".

Ademais, Bruxelas tivo en conta que o aumento do prezo dos carburantes xa penalizou aos usuarios das estradas, que as súas emisións quedarán lexisladas a nivel comunitario coa introdución deste sector e da vivenda no sistema europeo de comercio de emisións (ETS, polas súas siglas en inglés) a partir de 2027.

A portavoz engadiu que o cambio está avalado a través do artigo do regulamento do fondo de recuperación que permite modificar compromisos se existen "circunstancias obxectivas" que o xustifiquen. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade