España suma o apoio de Noruega para recoñecer Palestina como Estado
España suma o apoio de Noruega para recoñecer Palestina como Estado
Sánchez e Store reuníronse en Oslo, no marco da xira europea que iniciou o presidente español para que máis países avancen cara a ese recoñecemento
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o primeiro ministro noruegués, Jonas Gahr Store, evidenciaron este venres a súa sintonía para que os seus respectivos países recoñezan a Palestina como Estado, afirmaron que están listos para iso e explicitaron o seu compromiso de traballar "de xeito conxunto" para iso.
Sánchez e Store reuníronse en Oslo no marco da xira europea que iniciou o xefe do executivo español para tentar impulsar que un grupo de países avancen cara a ese recoñecemento de Palestina e poidan servir de efecto chamada para outros que estean indecisos.
Na comparecencia conxunta que ofreceron ao termo do seu encontro, Sánchez insistiu en que chegou o momento de "pasar das palabras aos feitos" e reiterou que España está comprometida publicamente co recoñecemento de Palestina e a súa integración como pleno dereito da ONU.
"O noso compromiso é firme e non imos fraquear en lograr unha solución duradeira", subliñou.
Na mesma liña pronunciouse o primeiro ministro noruegués: "Estamos listos para recoñecer o Estado de Palestina e que conte co lugar que lle corresponde na ONU".
Apostilou que o traballo con España será "de xeito conxunto" e a cuestión é determinar o momento e a circunstancia mellor para que iso contribúa ao proceso de paz na rexión, algo que secundou o xefe do Goberno español.
Store dixo que non se decidiu aínda cando Noruega recoñecerá a Palestina porque non existe un calendario establecido, pero non descartou que poida ser á vez que o faga España.
Os dous xefes de Goberno apelaron tamén á relevancia de que dous países como España e Noruega teñan sintonía perante este asunto polo seu papel histórico no conflito coa Conferencia de Madrid de 1991 e os Acordos de Oslo de 1993.
Sánchez resaltou o "amplo apoio" que hai en España ao recoñecemento de Palestina, tal e como cre que se evidenciou no debate do pleno do Congreso o pasado mércores, aínda que lamentou que no seo do PP haxa voces distintas e algunhas din "non" ou "talvez".
"Que se aclaren", pediu o presidente do Goberno ao principal partido da oposición
A posición común respecto ao conflito de Oriente Próximo e o recoñecemento de Palestina quedou plasmada tamén nun comunicado conxunto dos dous xefes de Goberno que fai fincapé na defensa da solución dos dous Estados e sinala que "a creación dun Estado palestino é unha condición" para materializar esa solución.
"Falamos da nosa disposición para recoñecer Palestina como Estado e a apoiar a súa plena adhesión ás Nacións Unidas, e insistimos -engade o texto- en que o faremos cando poida contribuír de forma xenuína e positiva a un proceso político cara á paz entre Israel e Palestina".
Ambos condenan de forma rotunda o ataque terrorista do 7 de outubro perpetrado por Hamas contra Israel pero, á vez, acusan a este país dun "uso indiscriminado e desproporcionado" da forza e consideran urxente un cesamento do fogo e un aumento da axuda humanitaria a Gaza.
Da mesma forma apostan por coordinarse con outras iniciativas como o Plan de Paz Árabe e defenden o papel da Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos (UNRWA) e o apoio financeiro a esta organización pedindo aos países que suspenderon as súas contribucións que as renoven.
Así mesmo, condenan os ataques "inaceptables e ilegais" contra buques civís no Mar Vermello, mostran a súa preocupación polos crecentes disturbios na rexión de Oriente Próximo e chaman á moderación a todos os actores do conflito.
Unha vintena de persoas concentráronse con bandeiras de España e Palestina nas inmediacións do edificio en que se reuniron o presidente do Goberno español e o seu homólogo noruegués en Oslo para defender o Estado palestino e agradecer a posición de España.
Á chegada do xefe do Executivo berraron: "Viva España", "Viva Palestina" e "Viva Pedro Sánchez".
Unha vez terminada a comparecencia, Sánchez trasladouse ao aeroporto de Oslo para emprender viaxe a Dublín, onde se reunirá tamén co primeiro ministro irlandés, Simon Harris, para abordar igualmente o recoñecemento do Estado palestino.
Nos próximos días verase ademais cos primeiros ministros de Portugal e Eslovenia. España quere que este asunto non decaia da axenda internacional, pero sabe que, en Europa, as posturas están profundamente divididas. Alemaña, por exemplo, está lonxe de recoñecer a Palestina.
Desde os Estados Unidos chega este toque de atención."Cada país debe tomar as súas propias decisións", din desde a Casa Branca. "Son palestinos e israelís os que se deben pór de acordo".
Pero Pedro Sánchez apóiase no debate da ONU para incluír a Palestina como membro de pleno dereito. Unha reflexión que, para a Moncloa, indica que este é o momento axeitado para dar ese paso.