Estabilizado o incendio de Crecente que calcinou xa cen hectáreas
Estabilizado o incendio de Crecente que calcinou xa cen hectáreas
O incendio comezou en tres focos diferentes
O incendio comezou contra as oito da tarde nesta zona de monte na parroquia de Rebordechán. En apenas unhas horas o lume calcinou unha superficie de arredor de cen hectáreas, e achegouse a zonas habitadas, que finalmente non foi necesario desaloxar. Os medios de extinción seguen a traballar na zona para evitar posibles reproducións, xa que o vento sopra por momentos con moita intensidade.
Foi contra a media tarde cando os veciños viron o incendio nos montes da parroquia de Rebordechán. Apenas unhas horas despois o lume calcinara xa unhas cen hectáreas.
"Moita cousa foi, que foi un arrase, aí no Monte de Faro foi criminal, queimaron os piñeiros todos. Teñen que meter man nisto, senón estamos perdidos".
O incendio comezou en tres focos diferentes. Contra a noitiña chegou estar preto de zonas habitadas, como a aldea das Bouzas. Os medios de extinción conseguiron controlar o lume e finalmente non foi preciso desaloxalos. Pero o susto, din, foi grande.
"A situación estivo un pouco apertada, con nervios, pero grazas a deus cortaron aí e salváronse as casas. Parece ser que empezou as oito da tarde, e as oito da tarde non é a escusa do sol, que é un cristal, que é o típico...eses son intencionados. Había que cazar a esa xente".
"Grazas a Deus acudiron con tempo e aquí non chegou. A nós chegábanos aquí de Norte e levou para alá o lume todo, levou para alá o fume e o lume. Alí chamámoslle Requiáns, aí fun mirar esta mañá e chegou xusto a estrada".
"Eu veño desprazado do distrito doce, non sei como estaba onte pola noite, pero visto o visto tiña que estar complicado polo aire. A dificultade que temos, máis ca nada é o aire, e aquí como ves sopra duro. E está bastante seco, entón esa é a cuestión."