Estrela de Nadal de récord na aldea ourensá de Belcrime, no concello de Vilamarín
Estrela de Nadal de récord na aldea ourensá de Belcrime, no concello de Vilamarín
Na aldea de Belcrime, no concello ourensán de Vilamarín, os seus veciños agardan cada día as seis e media da tarde para acender a súa estrela de Nadal. Unha estrutura de trinta metros de longo, que segundo aseguran é a máis grande de Galicia. Ten ademais outro mérito engadido: foi un dos veciños da aldea, soldador de profesión, o que se encargou de construíla. As luces led e os adornos doados pola xente de Belcrime completan a estrutura, colocada no campo da festa. Din que o seu obxectivo é que atraia os visitantes e que estes doen xoguetes para que ningún cativo quede sen agasallos nestas festas.
Os 24 veciños de Belcrime foron dabondo para colocar esta pequena aldea ourensá no mapa das localidades top da decoración de Nadal.
"Chama bastante a atención, vén moita xente vela de noite, sobre todo estes días de festa. Mandáronnos adornos de moitos sitios de Galicia para colgar na estrela, para que quedara o detalle deles, e agora é o que andamos a facer. Todo o mundo axuda, cada un o que pode".
A súa estrela fugaz mide trinta metros de longo, coidan que é a máis grande de Galicia e probablemente unha das máis grandes de España.
"Penso que é bastante meritorio, e que é moi grande para un lugar así tan pequeno e feito así de improviso nunha semana. Dicía que era a máis grande España ou de Galicia, e pensei que estaba 'flipando' un pouquiño, pero non tanto eh?".
Da súa construción ocupouse Roberto, veciño da aldea, soldador de profesión e especialista en carpintería metálica.
"Eu creo que este é un logro bastante grande, porque tocamos a máis de metro por persoa en estrela".
Conta que todo xurdiu despois de ir ver as luces de Nadal a Vigo. Hai uns meses, grazas a outra aposta de Roberto cun amigo, foron quen de traer este ano as festas de Belcrime a Olympus e a París de Noia. Agora queren que a súa estrela sirva para algo máis ca adornar.
"Tamén quería reivindicar un pouco que nas aldeas tamén temos dereito a ter estas cousas, nós estamos aquí tamén".
E como poden imaxinar, non hai perda para atopala. A súa fabulosa estrela brilla sobre o campo da festa cada día, a partir das seis e media da tarde.