Publicador de contidos
Publicador de contidos

Europa ameaza con romper a COP27 se non hai acordo para manter o límite de 1,5 graos

Europa ameaza con romper a COP27 se non hai acordo para manter o límite de 1,5 graos

"A Unión Europea prefire que non se adopte unha decisión a que se adopte unha mala", explicou Frans Timmermans, vicepresidente da Comisión Europea para o Pacto Verde

"A nosa mensaxe aos socios é clara: non podemos aceptar que os 1,5 graos morran aquí, hoxe", alertou.

Plenario da COP27 en Exipto Plenario da COP27 en Exipto
G24.gal 19/11/2022 10:29 Última actualización 19/11/2022 10:46

A Unión Europea (UE) ameazou este sábado con romper co cumio do clima de Nacións Unidas (COP27) e abandonar a reunión se non se manteñen no documento final os compromisos para non superar o límite de 1,5 Cº de quecemento global, algo que "parece que se está afastando".

Así o indicou o vicepresidente da Comisión Europea, Franz Timmermans, nun encontro improvisado cos medios ao que compareceu acompañado de varios ministros e altos funcionarios europeos, entre eles a vicepresidenta terceira do Goberno español Teresa Ribeira, que deron respaldo ao anuncio.

"Seremos claros. Os socios da UE están aquí para traer un bo resultado. Preferimos non ter unha decisión que ter unha mala decisión", dixo Timmermans, visiblemente molesto

Frans Timmermans en Sharm el Sheij ante a prense visiblemente molesto Frans Timmermans en Sharm el Sheij ante a prense visiblemente molesto

Nunha clara mensaxe de presión, engadiu: "A UE quere un resultado positivo, pero non queremos un resultado a calquera prezo. Non aceptaremos resultados que nos leven atrás, necesitamos avanzar e non retroceder. E todos os ministros e eu mesmo estamos preparados para irnos".

Timmermans razoou que aínda cre que obter un resultado positivo hoxe "aínda está dentro do noso alcance", pero que a UE "está preocupada" despois de que nas "últimas doce horas de negociación" houbo indicacións de que se está indo para atrás "nas ambicións" para o aspecto determinante da mitigación e a redución nas emisións de gases contaminantes. "Sen iso non seremos capaces de centrarnos no fondo para os máis necesitados (perdas e danos) e en que o diñeiro para isto veña dunha ampla base de doantes. A UE está aí para axudar a obter un moi bos resultados, pero somos tamén moi claros, preferimos ter unha boa decisión que unha mala decisión", insistiu.

Referíase  así ao tema central destas negociacións, as esixencias dos países en desenvolvemento de que esta COP27 estableza un compromiso para crear un fondo independente para o financiamento das compensacións que se lles deben polos danos que sofren por mor do cambio climático, que eles apenas contribuíron a causar.

O venres, a UE anunciou que aceptaría a creación dun fondo, algo ao que era remiso anteriormente, pero condicionou o seu apoio a isto a que fose dirixido aos países "máis vulnerables" e que o financiamento do mesmo recaese "nunha ampla base" de doantes.

Esa referencia apuntaría, aínda que Timmermans non mencionou a ningún país, a que países como China, Arabia Saudita ou Catar, de gran desenvolvemento humano e económico, e cuxas emisións contaminantes son xa entre as máis altas do mundo pero que non son doantes nos fondos climáticos de Nacións Unidas, terían que comprometerse a contribuír.

"A oferta era moi clara. Dixemos que poderiamos aceptar o fondo de perdas e danos, que deberá estar dirixido aos países máis vulnerables. Queremos axudar ás persoas que máis o necesiten, e rápido. E o fondo debería basearse nunha análise do mundo de hoxe", dixo.

Timmermans defendeu a posición europea como unha opción para "tender pontes" entre as diferentes posicións, pero lamentou que esas apertura non conducise a "negociacións".

O dirixente europeo apunta á presidencia da COP27, nas mans de Exipto, para asuma esta situación e que traballe para que se faga "xustiza" nas negociacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade