Europa mira fóra da UE para fortalecer o seu plan de rearmamento ante o xiro dos EUA
Algúns líderes apuntan a "outros formatos (fóra da UE) onde se dan conta do risco que supón a agresión rusa", unha coalición que podería contar con países como o Reino Unido, O Canadá ou Noruega
Sánchez di que España buscará chegar ao 2 % do PIB de gasto en defensa antes do 2029

O cumio extraordinario da Unión Europea (UE) culminou cun acordo para multiplicar o gasto en defensa e seguridade europea, pero o bloqueo de Hungría volveu impedir que Ucraína lograse moito máis que promesas de futura axuda militar e apoio diplomático ante o xiro de Estados Unidos.
Unha coalición máis aló da UE?
A oposición do primeiro ministro húngaro, Viktor Orbán, e as reticencias do seu homólogo eslovaco, Robert Fico, deixaron claro que a resposta ao xiro de Estados Unidos sobre Ucraína non necesariamente xurdirá da UE nun sentido estrito.
Líderes como o primeiro ministro checo, o conservador Petr Fiala, mencionaron no cumio a posibilidade de recorrer a "outros formatos (fóra da UE) onde se dan conta do risco que supón a agresión rusa", para acelerar a entrega de axuda militar a Ucraína.
O Reino Unido, cuxo primeiro ministro, Keir Starmer, organizou o pasado domingo un cumio de emerxencia tras o enfrontamento entre Trump e Volodímir Zelenski, parece unha aliado clave para esa coalición e en que tamén poderían entrar O Canadá e Noruega.
Pese ao acordo unánime sobre o gasto en defensa, a posición comunitaria sobre a situación en Ucraína e o seu futuro inmediato viuse truncada polo habitual desmarque de Hungría, afín á postura de Trump.
Sen poder contar con Budapest, os vinte e seis países restantes asinaron unha declaración que marca as liñas vermellas para futuras conversacións de paz, insiste na inclusión de Kíiv na Unión e promete axuda militar ao exército ucraíno para combater a agresión rusa.
O texto apoiado recalca que calquera tregua "só pode ter lugar como parte do proceso que conduce a un acordo de paz integral", con garantías de seguridade robustas e cribles que sexan disuasorias dunha nova agresión rusa no futuro.
Así mesmo, a UE reafirma o seu compromiso político, financeiro, económico, humanitario, militar e diplomático con Ucraína, e explicita a súa disposición de contribuír máis a garantías de seguridade baseándose nas súas respectivas competencias e capacidades.
Investimentos multimillonarios
A idea de aumentar exponencialmente o gasto en defensa da UE tiña desde hai tempo grandes defensores nos países que comparten fronteira con Rusia -os nórdicos e os socios do leste-, e partidarios en varios casos, como Polonia, de elevar o investimento nacional nese ámbito por riba do limiar do 2 % do PIB que esixe a OTAN.
Ese debate precipitouse co drástico cambio de postura dos Estados Unidos sobre Ucraína desde o regreso ao poder de Donald Trump, que levou a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a redactar un plan para destinar ata 800.000 millóns de euros ao rearmamento do continente, e a que os líderes superasen reticencias históricas para flexibilizar as regras comunitarias referentes ao déficit e a débeda.
Ese proxecto, desvelado o martes, inclúe un novo instrumento de créditos de 150.000 millóns, unha ferramenta que se financiaría con emisións conxuntas de débeda e que a Comisión debe definir de forma máis concreta nas próximas dúas semanas, antes dun novo cumio previsto para o 20 e 21 de marzo.
O plan de rearmamento da UE recibiu unha resposta "moi positiva" por todos os líderes, aínda que pediron a Von der Leyen que recolla outras "opcións" no Libro Branco para a Defensa que desvelará tamén este mes e que as capitais discutirán sen "tabús".
Algunhas das áreas que os líderes consideran "prioritarias" son a de defensa aérea e balística, sistemas de artillería, mísiles e munición, drons e sistemas contra drons.
Tamén puxeron énfase na tecnoloxía espacial e protección de infraestruturas críticas, mobilidade militar, ciberseguridade, intelixencia artificial e guerra electrónica.