Evacuada unha persoa por inhalación de fume nun incendio industrial en Mondariz
Evacuada unha persoa por inhalación de fume nun incendio industrial en Mondariz
A nave en lapas alberga camións e material eléctrico, segundo a información facilitada polo traballador da compañía que chamou ao 112 para dar o sinal de alarma
O incendio está xa controlado, pero non extinguido
Un incendio que se declarou a primeira hora desta mañá no concello pontevedrés de Mondariz calcinou unha nave industrial dedicada á almacenaxe de produtos eléctricos. Un dos traballadores tivo que ser trasladado polos sanitarios. O 061 desprazou ao lugar unha ambulancia de soporte vital básico que o levou ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Foi por inhalación de fume e o seu estado, por sorte, non reviste gravidade. A edificación industrial de dous andares, propiedade dunha empresa de instalacións eléctricas, quedou arrasada por completo e, de feito, a estrutura corre risco de derruba parcial. A envergadura do lume activou o Plan de emerxencias territorial de Galicia para coordinar os medios mobilizados desde Ponteareas, O Porriño, Mos e O Morrazo.
A existencia dun depósito de combustible, que tamén ardeu, e o perigo de que as lapas alcanzasen un tanque de alcatrán mobilizou varias dotacións de emerxencias de Mondariz, Ponteareas, O Porriño, Mos e O Morrazo. O interior da nave queimouse por completo. Sete vehículos quedaron destruídos, así como todo o material de traballo que gardaba a estrutura, que corre risco de derruba nalgunha das súas partes.
Para facilitar o traballo do operativo de extinción, a Garda Civil cortou o tráfico na estrada cara a Covelo, que foi desviado por unha vía secundaria.
Na extinción do lume traballaron toda a mañá os Bombeiros Baixo Miño, GES- SPEIS Ponteareas e GES de Mos.
Activáronse medios e recursos de extinción dos parques do Morrazo, do Porriño, dos membros do GES-SPEIS de Ponteareas e do GES de Mos. Ademais, solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos voluntarios de Protección Civil de Oitaven-Tea.