Exdirixentes socialistas asinan un manifesto en contra da reforma do delito de sedición
Exdirixentes socialistas asinan un manifesto en contra da reforma do delito de sedición
Francisco Vázquez ou César Antonio Molina figuran entre as persoas que subscriben a proclama
Os exministros socialistas José Luis Corcuera, César Antonio Molina, Julián García Vargas, Virgilio Zapatero e Javier Sáenz Cosculluela, e exdirixentes do PSOE, como Francisco Vázquez ou Nicolás Redondo, figuran entre o grupo duns 400 asinantes dun manifesto en contra da intención de Goberno de modificar os delitos de sedición e malversación.
O manifesto, que este luns difundiu a Asociación para a Defensa dos Valores da Transición, pretende exhortar os deputados a que reflexionen sobre a gravidade destes cambios, explicou a EFE o seu presidente, Emilio Contreras.
No manifesto denuncian a actuación do Goberno e forma elixida para a tramitación lexislativa, por "prescindir" dos pertinentes informes dos máximos órganos consultivos e de debates sobre "un problema xurídico de tanta transcendencia".
Cren que o obxectivo do Goberno de coalición é "obter a calquera prezo o apoio parlamentario dos partidos separatistas e dos que están contra a Constitución". Advirten de que eses cambios van supoñer "un estímulo para atentar contra a Constitución e o ordenamento xurídico democrático vixente".
Denuncian que estes cambios deixan impune a desviación de fondos públicos para realizar actos contra o Estado e a integridade territorial, o cal considera "máis lesivo aínda que o lucro persoal".
Igualmente cualifica de "burla" falar de "desinflamación do conflito catalán", cando todos os condenados "declararon ata a saciedade que volverán tentalo".
Por outra banda, nega o manifesto que a Unión Europea esixise reformar o delito de sedición en España, tal e como defende o Goberno, e menos a súa substitución por un delito de desordes públicas.
Subliña que os feitos ocorridos en 2017 "non foron desordes, senón un desafío ao poder lexítimo e á orde constitucional", e insiste en que pactar a redacción do decreto "cos delincuentes" carece de homologación en Europa.