Exposición de Xoel López no décimo aniversario do seu álbum 'Atlántico'
Exposición de Xoel López no décimo aniversario do seu álbum 'Atlántico'
Xoel López visita curioso a exposición que nos achega a todas as súas etapas artísticas
Xoel López visita curioso a exposición que nos achega a todas as súas etapas artísticas. Como el mesmo di, "a todos os Xoeles" desde incluso antes de triunfar e todo a través de imaxes inéditas, manuscritos ou instrumentos orixinais. "Desde a miña primeira guitarra, os instrumentos que se empregaron para o disco Atlántico, cartelería e incluso roupa. Aquí está a única parka de cando eu era mod. Hai moito material como discografía, os discos orixinais".
A mostra que visita xunto coa alcaldesa da Coruña coincide co 10 aniversario do álbum 'Atlántico', co que inicia a etapa baixo o nome de Xoel López. Un punto de inflexión na súa carreira froito dunha viaxe da que volveu impregnado do ritmo e a cultura da América Latina. "É un disco que bebe daquela viaxe neses anos. De feito, estiven vivindo en Bos Aires cinco anos. Entendo que é un disco que só podía pasar despois dunha viaxe tan importante e tan profunda que cambiou a miña perspectiva de todo o que fixen desde entón ata o de agora".
Videos, artigos de prensa, espazos inmersivos que permiten escoitar o músico e poñer a proba ao público completan a mostra que se poderá visitar no Kiosko Alfonso da Coruña ata o 4 de decembro.