Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece en Santiago o historiador Justo Beramendi aos 82 anos

Falece en Santiago o historiador Justo Beramendi aos 82 anos

Era catedrático de Historia Contemporánea da USC e fundador e expresidente do Museo do Pobo Galego (2011-2022)

TVG2 emite este xoves, 4 de xullo, ás 23:10 unha edición do programa 'Galegos' dedicado a Justo Beramendi
G24.gal 03/07/2024 08:51 Última actualización 03/07/2024 12:24

O historiador Justo Beramendi (Madrid, 1941), catedrático da Universidade compostelá e expresidente do Museo do Pobo Galego, faleceu esta madrugada en Santiago de Compostela aos 82 anos.

A Xunta de Galicia distinguiuno coa Medalla Castelao en 2017 e en 2023, o Museo do Pobo Galego concedeulle a súa insignia de ouro, o máximo recoñecemento dunha institución cultural en que estivo presente dende a súa creación e cuxo padroado presidiu entre 2011 e 2022. 

Beramendi recibiu a Medalla Castelao en 2017 (Arquivo TVG). Beramendi recibiu a Medalla Castelao en 2017 (Arquivo TVG).

Justo Beramendi fixo estudos de Enxeñaría Industrial en Madrid (1959-1967), de Tradución en Barcelona (1969-1974) e de doutoramento en Historia en Santiago de Compostela (1987). Era catedrático de Historia Contemporánea da USC, da que foi vicerreitor (1990-1994). Xubilado desde o ano 2012, era membro fundador da Fundación Castelao. Tamén participou na creación das revistas Negaciones (Madrid, 1977), A Trabe de Ouro (Santiago, 1990) e Tempos Novos (Santiago, 1997).

"A crítica é o motor da ciencia, a arte e o progreso". O historiador foi xerando ao longo de décadas un espazo crítico de estudo e análise que coa súa perda emerxe agora como achega fundamental.

Perfil de Justo Beramendi na emisión da Radio Galega

Durante a Transición, Beramendi militou no Partido Socialista Galego, xunto a Xosé Manuel Beiras, con que tiña unha relación moi estreita.

Co seu libro De provincia a nación. Historia do galeguismo político gañou o Premio Nacional de Ensaio en 2008. A obra xa recibira o Premio da Crítica de Galicia.

Beramendi na estrea das novas salas de Paleolítico no Museo do Pobo Galego en 2022 (Arquivo TVG) Beramendi na estrea das novas salas de Paleolítico no Museo do Pobo Galego en 2022 (Arquivo TVG)
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade