Falece o condutor dunha furgoneta tras colidir contra un camión en Rodeiro
Falece o condutor dunha furgoneta tras colidir contra un camión en Rodeiro
A vítima, un home de 44 anos, quedou ferido de gravidade debido ao impacto, pero finalmente faleceu cando estaba sendo trasladado en helicóptero ao hospital
Un furgón de repartimento bateu contra un camión de transporte de pedra en Rodeiro. O condutor da furgoneta, un home de 44 anos, quedou ferido de gravidade debido ao impacto, pero finalmente faleceu cando estaba sendo trasladado en helicóptero ao hospital.
A Garda Civil investiga as circunstancias deste aparatoso accidente, ocorrido á primeira hora da mañá na estrada PO-212, á altura de Negrelos. Ao parecer o camión iniciaba a manobra para desviarse á esquerda cara a outra estrada, e viuse sorprendido pola furgoneta que supostamente iniciaba un adiantamento.
Co impacto, a furgoneta saíu despedida cara ao lateral da estrada, levou por diante un dos indicadores do desvío e deu varias volta pola beiravía e por un carril de servizo ata acabar parada a carón dunha leira.
Foi un particular o que alertou o 112 Galicia de que unha persoa estaba tendida no chan porque saíra despedida.
Os equipos sanitarios que acudiron ao lugar do accidente lograron evacuar o condutor con vida, pero faleceu durante o traslado ao hospital. Tiña 44 anos e facía o repartimento de prensa escrita pola zona.
Parte da carga seguía á media maña aínda esparexida arredor do coche, mentres os axentes de Tráfico completaban o atestado e os operarios de mantemento recollían os restos do golpe e reacondicionaban a vía.