Falece o exalcalde de Marbella, Julián Muñoz
Falece o exalcalde de Marbella, Julián Muñoz
Exparella de Isabel Pantoja, o exrexedor foi condenado por corrupción no marco da operación Malaya
Muñoz padecía cancro e levaba varios días hospitalizado
O exalcalde de Marbella (Málaga) Julián Muñoz faleceu esta madrugada aos 76 anos no hospital no que estaba ingresado desde había máis dunha semana debido a un empeoramento do seu estado de saúde como consecuencia do cancro de pulmón que padecía. Muñoz, que ingresou no hospital marbellí o domingo día 15 de setembro, permanecía sedado desde a tarde do luns.
Julián Muñoz entrou en política en 1991 a carón do entón alcalde de Marbella Jesús Gil, do Grupo Independente Liberal. O seu peso no consistorio foi medrando, e en 2002 pasou a desempeñar as funcións de rexedor muncipal tras a dimisión de Gil debido ao escándalo do chamado "caso das camisetas".
En maio dese mesmo ano é investido como alcalde, un posto no que permaneceu ata un ano despois, cando foi desaloxado da alcaldía por unha moción de censura.
Muñoz foi detido en 2006 e foi encarcerado tras ser condenado polo caso Malaya, unha das tramas de corrupción inmobiliaria máis importante destapada en España. Sentenciárono a dous anos de prisión por malversación, aceptación de suborno e prevaricación urbanística, e a outros sete por branqueo de capitais, nun caso no que tamén foron xulgadas a súa muller Maite Zaldívar e a súa exparella, a cantante Isabel Pantoja.
Tras varias entradas e saídas de prisión, obtivo o terceiro grao penitenciario por enfermidade en 2015 e en 2021 consegue a liberdade condicional pola "pluripatoloxía grave e incurable" que padecía.