Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece o menor ferido en Rianxo tras chocar o 16 de agosto coa súa bicicleta contra un coche

Falece o menor ferido en Rianxo tras chocar o 16 de agosto coa súa bicicleta contra un coche

O concello e o Club de Remo de Rianxo xa expresaron o seu pesar polo pasamento do neno

G24.gal 23/08/2023 11:18

O menor que o pasado 16 de agosto chocou coa súa bicicleta contra un coche en Rianxo faleceu, segundo informou o propio Concello.

O alcalde do concello coruñés, Julián Bustelo, expresou o seu "profundo pesar" pola morte do rapaz de 12 anos, "que non puido superar as graves feridas que lle causou o accidente".

Ademais da súa familia e amigos, o alcalde tamén se solidarizou co Club Remo Rianxo, ao que pertencía o mozo falecido.

O propio club publicou unha mensaxe tamén nas redes sociais onde o definiu como un "rapaz de club". "Empezou con só sete anos a practicar este deporte, como patrón nas categorías base e do banco, e conseguiu todos os éxitos deportivos posibles, entre eles campionatos galegos e de España".

"No persoal, todo sorrisos, sempre estaba disposto a botar unha man no que fixese falta e a quen lle fixese falta, deixando unha marca inesquecible en todos nós", destacan.

O pasado 16 de agosto, o mozo chocou contra un coche que estaba estacionado na rúa Pazo, á altura do número 54, en Asados, Rianxo. Foron varios os particulares que, arredor das 16:00 horas, contactaron co 112 Galicia para solicitar asistencia sanitaria urxente.

Nese momento, informouse dos feitos ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivaron unha ambulancia ao momento. Tamén foron avisados os axentes de Tráfico, da Policía Local e de Protección Civil de Rianxo.

Debido á gravidade, explica o 112, encargáronse de recoller os profesionais sanitarios do Punto de Atención Continuada da localidade para atender o mozo mentres non chegaba a ambulancia. Do mesmo xeito, os xestores do 112 tamén puxeron os feitos en coñecemento dos bombeiros de Boiro. Ademais, derivouse un helicóptero medicalizado, sendo o rapaz evacuado, finalmente, en ambulancia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade