Falece un xinete tras caer ao río Verdugo en Soutomaior
Falece un xinete tras caer ao río Verdugo en Soutomaior
A vítima, de 63 anos e veciño de Pazos de Borbén, realizaba unha ruta cabalar
O helicóptero Pesca 1 localizou este serán o corpo dun home ao que buscaban tras caer á auga no río Verdugo cando participaba nunha ruta a cabalo.
Uns mergulladores rescataron o cadáver, despois de que os Bombeiros de Pontevedra e do Morrazo trataran de localizalo sen éxito.
O suceso aconteceu contra as sete da tarde, cando o 112 Galicia recibiu un aviso sobre o accidente. O falecido facía unha ruta cabalar que trataba de cruzar o río Verdugo. O seu acompañante observou como caía á auga e perdeuno de vista con rapidez, á altura da casa de Masó, na zona de Comboa, en Soutomaior.
Foi el mesmo quen deu aviso aos servizos de emerxencia, que comezaron os traballos de busca cun amplo dispositivo con bombeiros de Pontevedra e do Morrazo, Garda Civil, Protección Civil de Soutomaior, GES de Mos e axentes da Policía Nacional, ademais do helicóptero Pesca 1 da Xunta.
Descoñécese se o home sufriu un desmaio ou ben o tirou á auga un movemento brusco do animal e recibiu un golpe que lle impediu reaccionar nun lugar cunha forte corrente.