Núñez Feijóo agardaba máis concreción do Goberno sobre a rebaixa de impostos
Núñez Feijóo agardaba máis concreción do Goberno sobre a rebaixa de impostos
Considera "insuficientes" as medidas aprobadas na conferencia de presidentes
O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo valorou que da conferencia de presidentes celebraba na Palma saíse unha declaración conxunta "útil" de apoio á política exterior do Goberno. Porén, asegurou que "agardaba máis" concreción por parte do Executivo no referente á rebaixa de impostos que reclamaba en política interior.
Tras a xuntanza, celebrada en Los Llanos de Aridane, lamentou que non se pechasen "rebaixas fiscais concretas e explícitas, con prazos e destinatarios". Por esta razón, considerou que "non houbo acordo", xa que o Goberno se moveu nas súas posturas, pero de xeito "insuficiente".
Na súa comparecencia, salientou o apoio "unánime" ofrecido a Pedro Sánchez para afrontar o Consello Europeo de finais de marzo e que o Executivo aceptase establecer un fondo para apoiar a acollida de refuxiados por parte das autonomías, aínda sen contía económica.
Criticou a ausencia de "ministros de Podemos" no acto co Rei deste sábado e tamén considerou pouco acertado destinar nestes momentos 20.000 millóns a plans do Ministerio de Igualdade, algo en que coincidiu coa presidenta da Comunidade de Madrid Isabel Díaz Ayuso.
Rebaixas de impostos
Feijóo valorou que Sánchez se movese das súas formulacións iniciais e se comprometese "polo menos a intensificar" a rebaixa de impostos que gravan a enerxía, ademais de manter as bonificacións existentes. Iso si, pediu que "concretase" ese punto.
Porén, lamentou que non aceptase a proposta de rebaixa do imposto de hidrocarburos, un IVE reducido á luz e ao gas do 4 % e subvencionar, no ámbito europeo, o litro de gasolina e de gasóleo, rebaixando 15 céntimos o litro e convidando as petroleiras a reduciren outros 5 céntimos "como acaba de facer Francia", puntualizou.
Poboación refuxiada
Polo que respecta ás persoas que foxen da guerra de Ucraína, reprochoulle ao Goberno que non trouxese un plan nacional de acollida xa elaborado porque, dixo, existe un certo "problema e desorde" na recepción das persoas que non veñen polas canles protocolarias.